Feijóo chama ao pacto, mais ataca o soberanismo e o bipartito

Feijóo non está cómodo no seu papel de presidente. O seu é quitar o látigo e mallar no adversario. Como goberna, o que fai é pór o retrovisor e atacar o bipartito. Ou facer de oposición á oposición, outro clásico. No debate do estado da nación, Feijóo combinou as chamadas ao pacto co alegato contra o soberanismo, ligando o BNG con Bildu e ERC.

Beiras, Feijóo e Jorquera
photo_camera Beiras, Feijóo e Jorquera

O discurso de Feijóo é doado de sintetizar. Baséase en dous pontos. Primeiro, e no que atinxe á crise, Galiza está mellor que España nos parámetros básicos (débeda, paro, crecimento do PIB, etc). Segundo, o meu goberno é mellor que o bipartito. Sobre a primeira cuestión -Galiza mellor que España-, Feijóo botou man de millenta dados oficiais. A oposición quitou outros, que puñan en seria cuestión a euforia oficial. No entanto, Feijóo séntese cómodo no debate estatístico. Cre, como os seus asesores, que ao final o público se perde na marea de dados e que cada freguesía acaba por acreditar nos seus. Pouco, portanto, que perder. Sobre a segunda cuestión, Feijóo deu un novo recital: na oposición ao bipartito é onde adoita dar o mellor de si mesmo.

A este discurso Feijóo engadiu un novo ingrediente: a oferta de pactos. Por suposto, máis retórica do que real, mais este novo deseño feijoniano ten algo tamén de sintomático. As enquisas premen o PP. Os seus estrategas comezan a pensar que a estratexia da confrontación pura e dura coa oposición xa non dá máis de si. De feito, desta volta Feijóo dedicou moito máis tempo a confrontar con Méndez Romeu, na súa estrea, do que con Jorquera e Beiras.

Antinacionalismo transversal

En todo caso, Feijóo combinou as chamadas ao pacto cunha das súas liñas ideolóxicas transversais, esas que permean sempre os seus discursos. O antinacionalismo. Expresouse con especial virulencia nos ataques ao soberanismo. Aí empregou o recurso de asociar o BNG con Bildu e ERC.

"Vosté representa a Galiza", concedeulle a Jorquera. "Mais Bildu e ERC, non", dixo. E a seguir, nun aceno claramente provocador, largoulle ao portavoz do BNG que entre el -ou sexa, o proprio Feijóo- e Jorquera -ou sexa, o BNG- había máis nexos de unión do que podería haber entre a formación nacionalista galega e Bildu e ERC. Jorquera protestou notoriamente desde o escano, mais xa non tiña o uso da palabra.

Galego e español

"Vosté ten dito que Euskal Herria existe. Tamén hai o dito de que Teruel existe. Eu o que lle podo dicer é que non son francés. Eu son español. E consecuentemente son galego tamén. E vosté tamén, tamén é galego e tamén é español", espetoulle Feijóo a Jorquera desde a tribuna, cando este xa esgotara o seu tempo e non podía responder.

A Beiras atacouno tamén durante todo o debate polo seu suposto clasismo -Feijóo a gabarse das súas orixes pretensamente populares- e pola compota ideolóxica que ve en AGE. Vosté intervén neste debate como independentista ou como esquerdista? chegoulle a perguntar.
 
Con Méndez Romeu a leria xa foi outra. Zorregou no bipartito, mais sempre coa palabra pacto ou acordo nos beizos. Si houbo míseis para a política territorial do PSOE: "Cal é o seu modelo territorial? O de Felipe González? O de ZP? Con cal está? Co PSOE andaluz? Ou co PSC? Cal é o modelo do PsdeG", perguntou.

O terreno da concreción

Jorquera quixo en todo momento conducir a Feijóo ao terreno da concreción, nomeadamente en dúas materias: a do sector naval e a do sistema de financiamento. Non foi posíbel. Feijóo non está para concretizar nada. Sobre o levantamento do veto a Astano, o centro de reparación naval ou o desenvolvimento da lei do sector naval, nen unha palabra. Sobre que proposta defende Galiza a respeito do seu financiamento, silencio absoluto.

Deste xeito a única proposta que ficou sobre a mesa foi a do concerto económico formulada por Jorquera. De se materializar, suporía un incremento de 1.000 millóns de euros para as arcas galegas.

Comentarios