Renfe incumpre as normas de seguranza con trens ateigados nos traxectos de proximidade

Varias persoas presentaron reclamacións nesta terza feira despois de viaxar nun tren ateigado de xente desde A Coruña a Santiago. Escaleiras bloqueadas e corredores cheos incumprían as normas de seguranza.

Corredores abarrotados no tren Coruña-Vigo
photo_camera Corredores abarrotados no comboio Coruña-Vigo

Persoas nos corredores e escaleiras bloqueadas daban conta do incumprimento das normas de seguranza de Renfe nos trens de proximidade con destino a Santiago, prácticas que nen sequera se teñen corrixido após o sinistro de Angrois. O incomodo das persoas viaxeiras no tren que saíu ás 19.10 da Coruña con destino Santiago ficou patente nos protestos na propia viaxe e nas reclamacións presentadas na estación de chegada. O revisor viuse na obriga de informar a varios pasaxeiros de que a lei permite a Renfe vender un 10% máis da capacidade do comboio, mais os cartaces de seguranza que obrigaban a deixar libres as escadas e portas de saída contradicían o estado dos vagóns coas normas recomendadas. 

“En moitos comboios avisan á xente por altofalante de que non debe levantarse até parar por completo a máquina pois aumenta o perigo de accidentes, co cal, moitas das persoas que viaxamos da Coruña a Compostela estabamos en situación de inseguranza clara”, comenta unha das viaxeiras que presentou reclamación no servizo de atención da estación. Segundo engade, a situación foi lamentábel e mesmo no seu vagón viaxaba un home en pé cun cativo duns dous anos nos brazos. “As portas de seguranza estaban colapsadas e, de ter pasado algo como un freada, as consecuencias poderían ser ter sido terríbeis”, engade ao tempo que comenta que varias das persoas dicían que esta situación se producía con frecuencia nos trens de proximidade, con xente apiñada nas plataformas e sentada nas escaleiras de saída. 

Comentarios