Remata a folga na alimentación após un acordo que respecta as exixencias d@s traballador@s

Inclúe a cláusula de ultraactividade que evita a desaparición dos convenios colectivos sectoriais e un incremento salarial que será o 0,25% neste ano e do 1% en 2014 e 2015, data en que expira o acordo

photo_camera Imaxe da xornada de folga [SG]


A folga do comercio de alimentación en Pontevedra ficou desconvocada esta segunda feira após o acordo asinado entre @s representantes d@s traballador@s (dos sindicatos CIG, CC OO e UGT) e a patronal sobre o convenio colectivo que afectará o sector. 

Entre os puntos do acordo están as tres reivindicacións d@s obreiras que, tal e como explicou Diana Rodríguez, secretaria comarcal da CIG-Servizos na comarca pontevedresa, pasaban pola inclusión dunha cláusula de ultraactividade "que limite os efectos da reforma laboral e evite a desaparición dos convenios colectivos sectoriais". 

Para alén desta exixencia, @s traballador@s reclamaban un incremento salarial. "Entendemos que non pode ser tan alto como hai catro anos, mais ten que haber unha progresión", subliñou Rodríguez. Tamén se pronunciaron ao redor destas reclamacións o responsábel de negociación colectiva na federación de Comercio de CC OO, Jorge Carneiro, e a secretaria de acción sindical da federación do Comercio de UGT, Eva Rojas, que cadraron ao destacar que tales demandas "non son grandes cousas". 

O que se pretendía era "que o actual convenio non se vexa mermado", para alén dun incremento salarial "pequeno" que se fixou finalmente nun 0,25% para este ano e dun 1% para 2014 e 2015, data en que expirará o acordo.

Outras melloras laborais conseguidas pol@s obreir@s

Nel contémplanse tamén outras reivindicacións d@s traballador@s como a antigüidade (un máximo de sete cuatrienios ao 6% cada un) e a recuperación das férias que non gozaron en caso de baixa por incapacidade temporal. Aliás, reservarase o posto de traballo para aquel@s obreir@s que pidan unha excedencia para o coidado de crianzas e/ou persoas dependentes, así como a posibilidade de acumular a lactancia en 20 días naturais.

Após varias horas de negociacións, o acordo chegou pasada a medianoite e, canda el, a desconvocatoria dunha folga que duraría até o día 30 e que afectaba a supermercados sen convenio propio (todos agás Mercadona, Eroski, Dia e os grandes almacéns como Alcampo e Carrefour) e pequenos comercios. En total, na comarca de Pontevedra traballan unhas 14.000 persoas. 

Comentarios