A reforma das pensións recibe unha forte contestación social nas cidades galegas

As mobilizacións comarcais convocadas pola CIG onte contaron cunha importante participación. A central nacionalista esixiu ao PP frear unha reforma que cualifican de "roubo". 

CIG
photo_camera CIG

Na noite da quinta feira, as manifestacións promovidas pola CIG en diversas comarcas mostraron a forte oposición que a reforma dos sistema de pensións previsto polo PP provoca. Milleiros de persoas participaron nas distintas mobilizacións que denunciaron unha reforma que se insire na política de recorte dos dereitos e ten como obxectivo fundamental promover os plans de pensións privados para favorecer ás entidades financeira. Un “pensionazo” que resulta singularmente lesivo con Galiza, onde as pensións son máis baixas.

Nas manifestacións nas distintas capitais de comarca sentiuse significativamente a participación de persoas de máis idade, en especial de amplos grupos de emigrantes retornados aos que Facenda lles reclama importantes cantidades por impago. 

 Entre outras mudanzas, a reforma elimina o IPC como indicador á hora de fixar a actualizacións o que promova un maior empobrecemento ao medraren por baixo do custo da vida. Cando se inicie o proceso de recuperación, que o PP estima para o 2019, aplicaríase de novo o IPC para a suba, mais cun 0,25% como máximo. A CIG estima en 42 anos os necesarios para a recuperación do poder adquisitivo que se perderán nestes 6 anos coa aplicación da reforma

O PP prevé de aquí a 2019 unha redución dun gasto no sistema de pensións dun 20%, segundo indica o comité de expertos o que significa, coa inmediata aplicación. Por outra parte, a CIG quixo deixar claro que esta non é unha reforma isolada senón que significa un agravamento da de 2011. O coñecido como “coeficiente de sostenibibilidade”, que é o que establece que conforme se alonga a esperanza de vida as pensións van ser máis baixas porque o tempo de cobro se prolonga, aparecía xa na reforma de Zapatero que a CIG rexeitou. Porén, a nova reforma acelera a súa aplicación e adianta a introdución ao 2019 cando non se prevía a súa aplicación até 2027. 

A celeridade coa que o PP quere botar a andar a nova reforma  transfórmase nunha maior indignación xa que afecta xa a actuais pensionistas nunha situación na que, en moitas casas, están a ser o substento económico familiar. 

Os datos que a CIG denuncia ofrecen un panorama no que a redución das pensións supón un novo aforcamento a traballadoras e traballadores, principais vítimas dos recortes sociais impostos polo PP. O 50% das pensións son inferiores a 605 € e un 28% non chega á pensión mínima o que supón que unha nova redución agravará o empobrecemento. 

“Estamos ante unha contrarreforma que non obedece a cuestións técnicas, senón que ten un fondo carácter político e ideolóxico. Todas as xustificacións ás que recorre o goberno son facilmente cuestionábeis, nomeadamente o argumento de que cunha maior esperanza de vida o número de pensionistas vai ser maior e, polo tanto, vai representar un maior custo respecto do PIB, o que será insostíbel”, sinalou Suso Xeixo na súa intervención na manifestación de Santiago,  no final nunha Praza de Praterías que ficou sen luz, do que algúns participantes culparon ao goberno municipal do PP, que insiste en poñerlle atrancos ás mobilizacións sociais. 

A ameaza "fantasma" da quebra

O secretario xeral da CIG insistiu na súa intervención en Compostela en que as pensións representan o 10% do PIB, moi por baixo da media de países da eurozona, e desenmascarou a ameaza dunha hipotética quebra do sistema que se converteu xa desde hai anos nunha ameaza para un perigo que non se deu.  “Auguraban a quebra do sistema público para o ano 2000, e non se cumpriu, como tampouco para o ano 2005 ou 2010 como dixeran”, destacou o secretario xeral da CIG, sinalando que tamén é difícil que se cumpra a 30,40 ou 50 anos vista. 

 “Noutros países é un servizo máis, un dereito fundamental e se hai que mantelo, e máis en situación de crise como agora, con recursos do propio estado pois terá que facerse así, sen ter que ser os propios da Seguridade Social”, sinalou Seixo, denunciando ao tempo que o obxectivo da reforma é duplicar a cantidade destinada a plans de pensións que neste momento se moven arredor dos 300.000 millóns de euros e buscan controlar 600.000 “porque aí está o grande negocio da banca”.

 

Comentarios