Fruga: “Reducir o problema dos lumes a unha cuestión de orde pública é desenfocar o problema”

Un novo incendio orixinado na tarde da segunda feira leva arrasadas máis de 1.000 hectáreas en Oia e esténdese a O Rosal, e obrigou a desaloxar a 176 veciñ@s. Para a Fruga, as vagas de incendios forestais no verán galego ten causas e responsabilidades

Lume en Valdeorras
photo_camera Lume en Valdeorras

“Sendo importante a determinación e o esclarecemento das causas dos lumes, pretender reducir o problema a unha cuestión de orde pública, como pretende interesadamente o goberno do PP, é desenfocar completamente as causas últimas desta problemática, e polo tanto, errar nos diagnósticos e nos tratamentos para facerlle fronte”. A Federación Rural Galega (Fruga) considera que as vagas de incendios forestais que verán tras verán castigan os montes galegos non deben explicarse en base a fatalismos, prexuízos, e moito menos asumir os lumes con resignación.

“É sintomático que nas comarcas rurais onde a actividade agraria segue sendo importante, a incidencia dos lumes é moito menor que nas que non hai esa actividade”

Para a Fruga, a orixe dos lumes forestais en Galiza hai que procurala “nunha política agraria destrutiva coas potencialidades do agro galego que levou á desertización de amplas comarcas, e nunha política forestal que primou o produtivismo madeireiro con especies de crecemento rápido desligado da actividade agraria”.

Son dúas cuestións a ter en conta, sinalan desde esta organización agraria, mais hai máis. Como o desmantelamento progresivo do servizo de prevención e extinción de incendios forestais, ou a ausencia de actuacións e programas dirixidos a implicar á poboación galega na valoración, coñecemento e defensa do monte.

Comentarios