Recuperando a aldea dos Anguieiros

Podería ser calquera outro lugar da Galiza rural. Nove habitantes viven agora nesta aldea que levaba quince anos sen celebrar a súa festa. Agora mesmo a Madalena de Anguieiros segue sen aparecer na páxina web do concello de Quiroga, mais hai xente nova que quere mudar esta situación
Foliada en Anguieiros
photo_camera Foliada en Anguieiros


“Anguieiros, Anguieiros, Anguieiros”... así comeza os seus monólogos o humorista Alberte Montes reivindicando o lugar onde naceu seu pai. “Se buscas no Google Maps está mal escrito e figura como no medio da nada”. E é certo. Esta pequena aldea da parroquia lucense de Montefurado pertence ao concello de Quiroga e atópase ao carón do denominado pola xente do lugar como “Boca do Monte”, unha das obras de enxeñaría máis importante realizada polo Imperio romano no século II d.C en territorio galego.

O nome da aldea ten relación coa rede que coñecemos como anguieira, unha das artes de pesca que se empregaban no Sil para a anguía. Ademais, foi o río unha das súas principais fontes de ingresos, xunto co aceite das súas oliveiras e o mantemento de bois procedentes de Viana.

A aldea dos Anguieiros tivo, até os anos 70, unha máis que aceptábel taxa de poboación. Pasou de vivir da terra coas súas hortas, gando e castiñeiros, a partillar traballos con Saltos do Sil, unha empresa hidroeléctrica creada en 1945. Daquela había unhas 70 casas habitadas, unha escola e cinco cantinas, ademais dun poboado para traballador@s fix@s. Jesús está xubilado despois de pasar 54 anos na hidroeléctrica. É un dos nove habitantes que quedan nos Anguieiros e lembra moi ben aqueles tempos. “Había case 60 empregad@s e as obras duraban cinco ou seis anos”.

A música sempre estivo presente. Desde o Penelo, un gaiteiro que viña en tren cada ano tocando de casa en casa, até orquestras como “A Monfortina”

Despois a historia mudou e en 1963 pasou a ser propiedade de Iberduero, hoxe Iberdrola, e pecharon a actividade. Foi unha desfeita. Comezou a emigración e funcionou o efecto chamada, primeiro a Europa e despois a outras cidades do Estado español. Manuel emigrou coa súa nai a Barcelona cando tiña quince anos, botou dezaoito aló e agora vive na Rúa. “Non había traballo aquí e houbo que buscar a vida fóra”. Mantivo sempre o contacto con Galiza e toca na banda de gaitas “Abertal”.

Dóelle ver a aldea como está na actualidade. Debido ao seu traballo, sabe ben cal é unha das razóns que fan que nos Anguieiros existan tantas casas abandonadas: “piden moito polas vivendas aínda que estean en mal estado”. Outra das persoas que non quixo deixar o lugar foi Mercedes, propietaria dun muíño de aceite que deixou de funcionar hai seis anos.

“Lembro aqueles anos antes de que marchase a xente. Na escola estabamos nenas e nenos xunt@s e tiñamos quendas para levar as ovellas ao monte [que denominaban aviceira].” Outro Manuel marchou a Francia, mais quedoulle gravado memoria a vida que había daquela na aldea. “A taberna do Callao, a da Macarena, a da Maruja, a da Argentina...” Tamén lembra a festa da Madalena, a de toda a vida, coa alegría dos seus anos mozos.

Hoxe Os Anguieiros ten os problemas característicos de moitas aldeas galegas: unha mala comunicación (o transporte público máis próximo é o tren de Montefurado ou o autobús que para na N-120), a falta de recursos e unha atención municipal mínima. Como mostra a elección por parte do alcalde dun pedáneo que vive en Madrid.

A recuperación da festa

Hai un par de anos varias persoas da segunda e terceira xeración decidiron facer algo. Xosé Manuel naceu en París e viviu tamén en Barcelona. “Despois de ver o estado de abandono e pesimismo da aldea creamos a asociación Boca do Monte”. Non viven nos Anguieiros, polo que pensaron que o mellor era actuar primeiro recuperando a festividade da Madalena, o día en que se atopa alí toda a xente que vive fóra. “Comezamos o ano pasado sen verbena, socializando, convocando as familias e realizando reunións para que a xente coñecese a asociación”, comenta. Agora son 26 socias e socios, a maior parte de fóra, que veñen dúas ou tres veces no ano a pasar uns días.

Ademais da misa, a única actividade que se conservou cando se deixou de celebrar a festa hai quince anos, abriron un roteiro para coñecer o rico patrimonio artístico e natural da comarca, activaron un campionato de xogos tradicionais e a música volveu á única rúa que ten a aldea.

Este ano celebrouse por segunda vez con verbena e máis actividades. O financiamento depende da vontade da xente que ven á festa, sexa dos Anguieiros ou non, e ninguén quedou atrás. Aínda que o cura rexeitou colaborar por “ter que atender moitas parroquias”. Iso si, cobrou os 50 euros polo seu “servizo”.

Na entrada do lugar, a carón da renovada sinalización, un veciño da Enciñeira gaña o campionato de bolos celtas. Despois a xente da aldea e visitantes recuperan forzas nun xantar con mesa e sobremesa. Por unhas horas os carros de crianzas ocupan parte das casas, unha mostra de que a vida continúa na distancia. Hai tempo para o café, o licor en botellas mercadas na emigración e para falar de como eran antes as festas. “O dos bolos era para os domingos de todo o ano... e apostábase cartos!”, asegura Jesús. Non o di por levar a contraria a esta “comisión de festas”, toda a aldea esta de acordo coas actividades da asociación. “O ano pasado dúas crianzas viñeron xogando coa playstation e ao día quedaron cos bolos”, comenta Xosé Manuel. A música sempre estivo presente. Desde o Penelo, un gaiteiro que viña en tren cada ano tocando de casa en casa, até orquestras como “A Monfortina”.

“Había baile antes da cea e verbena despois”, explica Mercedes, “e eran os homes solteiros os que organizaban a festa”, engade. Josefina, neta e filla de ramistas, ten agora o seu fillo Ramón na asociación e aínda sendo da segunda xeración lembra aqueles anos. “Meu pai tivo que organizar moitos anos a festa pois os solteiros andaban na emigración”. Quedoulle na memoria compartir a casa cos músicos das orquestras e a alegría deses días nas adegas. Agora é o grupo Tornaxeira, onde participa Manuel a quen se lle nota alegre por tocar no lugar que deixou de pequeno.

O futuro

Recuperar a festa non significa recuperar a vida da aldea nin asegura o seu futuro. Por iso non todo o mundo é optimista. Tino tamén marchou hai anos e despois do xantar, camiño do automóbil, pasa por diante da que fora a súa casa familiar e non pode evitar dicir “que triste ver isto”. Para Josefina todas estas novas iniciativas son positivas, mais asegura que “aquí non se vive, non hai traballo”. Mercedes pensa seguir nos Anguieiros mentres lle queden forzas. “A aldea non se vai recuperar, só para os que veñan en agosto”.

Na asociación teñen moitas ideas e ganas para as desenvolver. “A nosa proposta é recuperar a aldea como aldea, axudar a veciñanza e que se cree unha simpatía polos Anguieiros”, explica Xosé Manuel. Pola idade das persoas que aínda viven alí as necesidades son moitas. @s habitantes que pasan todo o ano na aldea están xubilados e aos seus anos o corpo non lles permite realizar algúns traballos. “Boca do Monte” botoulles unha man en tarefas como a conservación da traída de auga e a mediación co concello para pedir algúns servizos, por exemplo a mellora da sinalización e os camiños.

“Anguieiros vive unha situación dramática”, admiten, mais sen pesimismo. “Para o futuro pensamos ter un pequeno local social e falar co propietario do muíño de aceite para a súa recuperación e que se poda visitar como turismo de aceite, falar cos propietarios de casas e crear unha pequena bolsa de alugueres e venda”. As persoas que partillamos esa fin de semana de ilusión pensamos que este proxecto sairá ben e desexamos que xurdan outros moitos.

Comentarios