Reclaman á Xunta que non aplique o repagamento farmacolóxico

A Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública reclaman á Xunta a non aplicación do re-pagamento farmacolóxico a doentes crónic@s. Nunha carta aberta enviada a Alberto Núñez Feijóo desmontan os argumentos do PP para defender unha medida que, denuncian, é "inxusta" e "irracional". 

2
photo_camera [Imaxes: AvantarVídeos]

Centos de persoas manifestáronse esta segunda feira perante os hospitais de todo o país contra o decreto que estabelece o re-pagamento en fármacos de prescrición hospitalaria. Convocadas pola Iniciativa galega pola gratuidade da sanidade e a Plataforma SOS Sanidade Pública, as organizacións políticas, pacientes, profesionais da saúde, ONGs, colectivos de emigrantes, sindicatos... nelas integrados demandaron do goberno galego a retirada desta medida que tildaron de "irracional" e "inxusta". 

Aliás, desmontaron nunha carta aberta enviada ao presidente da Xunta, "os criterios argumentados" pola administración para xustificar a imposición de taxas neste servizo. Unha medida, advirten, que agravará as "dificultades" económicas que atinxen as familias con doentes crónic@s ao cargo --nomeadamente crianzas-- e cuxos gastos "adoitan incrementarse entre 400 e 600 euros" por mor da enfermidade. 

Desmontan o argumentario do PP

Neste senso, denuncian desde o movemento na defensa da gratuidade da sanidade, "o carácter disuasorio e recadatorio" que alenta este tipo de políticas "non se cumpre" habida conta, din, das restricións no acceso a este tipo de fármacos --prescritos por especialistas clínic@s e controlados polos servizos de farmacia hospitalarios-- e dos gastos que carrexará o persoal encargado do cobro e o equipamento do hospital. 

Aliás, explican, "o argumento da Consellaría de Sanidade de garantir a cohesión e a harmonización do sistema sanitario tampouco se sostén" pois, lembran "a maior parte das Comunidades Autónomas" gobernadas polo PP anunciaron "que non aplicarán" o decreto ou que, no seu defecto, "asumirán o pagamento" dos tratamentos "con cargo aos orzamentos públicos" á fin de non prexudicaren á cidadanía. 

Por estas razóns, desde a Iniciativa galega pola gratuidade da sanidade e a Plataforma SOS Sanidade Pública instan o presidente da Xunta a non aplicar o decreto e chaman ao persoal sanitario e á sociedade galega a se mobilizaren para apoiar estas demandas que, sinalan, atinxen non só ás persoas con enfermidades crónicas senón a toda a sociedade. 

Gobernar "con nocturnidade" e "sen diálogo"

Destarte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, criticou con dureza desde o Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) a actitude das direccións dos hospitais galegos que, dixo, "non poden estar dirixidas por comisarios políticos que ignoran" as recomendacións e demandas d@s profesionais do sector.

Asemade, lembrou que a entrada en vigor do decreto non foi debatida c@s traballador@s da saúde. O portavoz nacional do Bloque acusou á Xunta de gobernar "con nocturnidade" e "sen diálogo" no que considerou unha "sistemática batería de medidas" para acabar co carácter público da sanidade. 

Comentarios