Reclaman á UE que lexisle contra a minería agresiva que ameaza Corcoesto, Castrelo de Miño, Xinzo ou Cartelle

Unha comisión composta por representantes de movementos sociais, plataformas, concellos e organizacións ecoloxistas reclamou ao Parlamento Europeo unha lexislación específica que poña freo ás ameazas da megaminaría contaminantes.Sinalan que sobre proxectos mineiros como Corcoesto, A Limia, Cartelle ou Castrelo penden a ameaza de catástrofes como  Aznalcóllar e Baía Mare.

Membros da Plataforma contra megaproxectos mineiros na Eurocámara xunto a Ana Miranda.
photo_camera Membros da Plataforma contra megaproxectos mineiros na Eurocámara xunto a Ana Miranda.

A delegación galega convidada polo grupo Verdes-ALE -no que está integrado o BNG- denunciou a ameaza que pende sobre a nosa terra con proxectos como Corcoesto,  a Limia, Cartelle ou Castrelo e reclamou unha lexislación para prohibir prácticas como o uso de cianuro que poñen en perigo o medio ambiente e a saúde da veciñanza. 

Unha das entidades que participou no encontro foi a asociación ecoloxista ADEGA, que defende a urxencia dunha lexislación que lle poña freo á minería especulativa de empresas transnacionais como a que se quere implantar en Corcoesto, Castrelo, Xinzo ou Cartelle que son, canda Chalkidiki en Grecia e Rossia Montana en Romanía os proxectos máis perigosos que se deseñan en Europa. “Estes proxectos agresivos, cunha forte compoñente especulativa debido ao alto prezo que estas materias primas están a acadar nos mercados, esquecen á poboación local ou mellor dito, extírpana das súas terras para poder apropiarse da súas riquezas e da súa vida” valoran desde ADEGA, para quen, ademais do expolio e as ameazas, están en perigo os servizos que prestan os ríos, os bosques, as montañas ou as costas, entre outros. 

"Sobre proxectos mineiros como Corcoesto, A Limia, Cartelle ou Castrelo pende a ameaza de catástrofes como  Aznalcóllar e Baía Mare" di ADEGA.

“Resulta urxente que o Parlamento Europeo fixe as condicións, as regras de xogo que permitan garantir a supervivencia do medio e das persoas fronte a esta ameaza, marcando as liñas vermellas e trasladándoas de xeito inequívoco ao acervo lexislativo común” defenden en ADEGA na que, entre outras cousas, reclaman a prohibición de explotación a ceo aberto, o uso do cianuro e o “fracking”. 

Plataforma Corcoesto 

Desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto, participante tamén na Conferencia “Movementos sociais contra a megaminaría en Europa” entenden que “o feito de que a maioría dos proxectos estean situados no sur de Europa, pensamos que non obedece tanto a unha maior riqueza mineral dos nosos solos, como á situación económica pola que están atravesando os nosos países e ao xogo de poderes que se establece entre os distintos estados e as multinacionais”. Desconfían de que esta pode ser a maneira de pagar “unha parte da débeda contraída no seu día polos bancos aos que estamos rescatando a costa de perder o noso poder adquisitivo e os dereitos adquiridos ao longo de moitos anos de loita”. Convidados pola eurodiputada Ana Miranda, a Plataforma expuxo as súas queixas diante da Comisión Europea e asistiu ao relatorio de persoas afectadas en Halkidkiki e Rosia Montana.

Comentarios