Raquel Rei, “Os tacóns perpetúan a idea de que para presumir hai que sufrir”

Con “Dez centímetros máis perto do ceo” Raquel Rei fai aos tacóns protagonistas dun documental. Unha metáfora particular que leva á directora a reflexionar arredor dun mundo que aínda responde a modelos patriarcais.
Raquel Rei
photo_camera Raquel Rei

As razóns para empregar ou defender os zapatos altos son peculiares. A estilización do corpo, o erotismo ou a elegancia son algúns dos argumentos empregados para vivir “dez centímetros máis perto do ceo”. Raquel Rei procurou respostas que converten o universo que se move arredor dos tacóns nunha metáfora da forte pegada dos estereotipos patriarcais.

A directora bota man dun dos obxectos con máis carga simbólica na imaxe feminina en Occidente para afondar na construción de xénero. Toman a palabra, alén doutras persoas, un deseñador de moda, unha deseñadora de calzado, un podólogo, unha activista feminista, unha socióloga e dúas ex-traballadoras do sexo para darlle unha volta a ese obxecto “nada inocente” que loce en tantos armarios.

“Dábame voltas desde hai tempo na cabeza. O obxectivo era responder á pregunta: por que as mulleres usan tacóns e non os homes? Tratábase de revisar os piares da sociedade dándolle unha volta a través dos zapatos de tacón” explica a directora desde Barcelona, cidade na que produciu o documental que agora comezará a súa presentación en diversos festivais.

Documentais, en feminino

 Procurou, mália ser un produto que tira da reflexión, botar man da “retranca e a ironía”. “Unha muller sen zapatos é como un pene sen testículos” di así unha das voces recollidas na súa particular interpretación do calzado. Saiu á rúa e perguntoulle a diversas persoas e as súas declaracións constrúen un argumentario con elementos en común: “todas están baseadas na cultura patriarcal da muller obxecto, en todas estaba a idea de que para presumir hai que sofrer. E as mulleres están chamadas a mostrarse perfectas, segundo os cánones impostos”. ;Se a min os tacóns me fan as pernas máis altas e o cú máis bonito, por que non llo fan a un home?” pregúntase Raquel Rei, unha autora que non usa nin usou nunca tacóns e que desde esa altura, a súa de sempre, dirixe o documental. Este é o seu punto de vista, a altura con que roda as imaxes de “Dez centímetros máis preto do ceo” un documental orixinal en catalán, producido como proxecto final do master de documental da Escola de Cine de Barcelona. A súa idea era “dar as claves para que cada quen poda ter a súa opinión coas distintas visións que se ofrecen”.

Xunto coa poeta Andrea Nunes, Raquel Rei compón o proxecto de creación audiovisual e poética “As Candongas do Quilombo”, selo no que xa teñen ofrecido varias pezas como "Tereixa Navaza" ou "Cuidadanas", ao dispor no seu blogue. “Porcentualmente, as mulleres temos máis presenza no documental que noutros xéneros audiovisuais e a razón está clara: os orzamentos son máis baixos” explica Rei, arredor do “teito de cristal” que continúa mantendo a pirámide que é grande na base de alumnas das escolas e facultades de audiovisual mais se estreita na punta de dirección de películas. Dándolle a volta, esa presenza no xénero documental ten tamén o seu lado positivo, moi claro na obra da directora. “O documental dá moi ben para explicar cal é a nosa perspectiva do mundo, tamén a mirada de xénero” anota.

Trailer 1 # Dez centímetros mais perto do ceio # galego from raquel rei on Vimeo.