Ramón Noceda: "Se a Xunta non fai nada para recuperar o Monte Pindo, farémolo nós"

O alcalde de Carnota, Ramón Noceda, e o grupo parlamentar do BNG critican con dureza a actitude da Xunta perante a vaga de incendios que asolagou o país e denuncian que se estea a agochar "detrás dos incendiarios" para "eludir responsabilidades". O rexedor carnotán, do Bloque, asegura que "o monte é dos veciños": se a Xunta non iniciar a recuperación do Monte Pindo, "farémolo como iniciativa popular".

photo_camera [Imaxe: Flickr @santillecha]

"A Xunta ten responsabilidade directa na desaparición do Monte Pindo". Así de taxativa se amosou a deputada do Bloque, Ana Pontón, esta sexa feira no Pazo do Hórreo. Para o grupo parlamentar frentista, o executivo galego "cometeu un grave erro ao rexeitar" declarar Parque Natural este espazo "único" tal e como reclamou a veciñanza, o movemento ecoloxista, a Asociación Monte Pindo e o propio BNG nunha iniciativa parlamentar debatida en 2011 na Cámara galega e que bateu coa maioría absoluta do PP.

Ana Pontón: "A Xunta fixo ouvidos xordos e agora lamentamos a súa desaparición"

"A Xunta fixo ouvidos xordos e agora lamentamos a súa desaparición", acrecentou Pontón en comparecencia de imprensa. Para o Bloque Nacionalista Galego, "a renuncia expresa a unha política de re-ordenación forestal" e "o abandono do rural" --acrecentou Tareixa Paz-- fan da política do Partido Popular "unha política incendiaria" que converte o Medio Rural e o propio presidente da Xunta de Galiza en "responsábeis" da catástrofe. 

"Non é un problema de orde pública" senón "dunha política incendiaria"
Neste senso e face as declaracións do vice-presidente da Xunta e do propio Núñez Feijóo, desde o Bloque criticaron con dureza que se deriven "as responsabilidades cara á quen lle prende lume ao monte" agochándose, sinalou Paz, "tras dos incendiarios" para eludir que "os recortes na prevención" e a falta "de medios eficaces na extinción" xogan un papel fundamental como causas da proliferación dos incendios e das consecuencias dos mesmos --como sinala, lembran @s nacionalistas, a memoria da Fiscalía xeral do Estado e do TSXG. 

Tereixa Paz: "A Xunta agóchase tras os incendiarios para eludir responsabilidades"

Desde logo, din, "non cremos que os incendios sexan un problema de orde pública" --como aseguran desde a Xunta-- e se o for, sinalan desde o Bloque, "non cremos que endurecer as penas" como propón o goberno de Núñez Feijóo "sexa a solución" dun problema que atribúe a organización frontista "ao abandono do medio rural" e ao desenvolvemento dunha política forestal que non visa promover a actividade agraria e o desenrolo rural, senón, denuncian, "a forestación con especies de ciclo curto" que deveña en grandes gaños. 

"De terse declarado o Monte Pindo Parque Natural", sinalou en declaracións aos medios de comunicación Ramón Noceda, alcalde de Carnota, "isto non se tería dado". Fronte á tese de Alfonso Rueda de que a catalogación do Pindo cunha maior protección non tería suposto "ningún beneficio" na prevención do lume, Noceda enfatizou que si se reduciría "a porcentaxe de posibilidades moitísimo", en grande medida pola dotación económica que isto suporía e que permitiría fornecer dun sistema de seguridade e vixiancia permanente ao monte. 

Aliás, lembrou que desde 1994 o Concello de Carnota loita pola aprobación dunha concentración parcelaria que permita o aproveitamento agrario das terras próximas ao Pindo, "mais de maneira sustentábel". No entanto, lembrou, isto "négase sistematicamente". 

"O monte é dos veciños, non deles"
Ramón Noceda criticou o desleixo institucional amosado polo goberno galego após a devastación do Monte Pindo e exixiu, máis unha vez, iniciar o proceso de recuperación deste espazo para evitar danos maiores coa chegada das primeiras choivas. Así, o BNG elevará á Cámara unha proposición que vise declarar zona catastrófica o concello de Carnota, mais tamén que desenvolva un plan de recuperación medioambiental e que sexa declarado Parque Natural. 

"Estamos frustrados e decepcionados", dixo Noceda, "sinto raiba e impotencia por non ver as cousas conseguidas". Mais tamén aclarou que "se non o fai a Xunta, farémolo nós". Así de terminante foi o alcalde carnotán que insistiu "na nosa nación hai conciencia suficiente para tomar as rendas" e desenvolver un plano de recuperación do monte "como iniciativa popular". 

Neste senso, das 650 especies endémicas que acollía o Monte Pindo "hai zonas que se salvaron" e especies que sobreviviron "como algúns carballos ananos", mais outros "como os espiños e acevos non", esclareceu. "Non creo que teñamos esa sorte". Mais, acrecentou, hai que loitar por recuperalo. E para iso demandan a participación cidadá e lembran que o sábado 28 de setembro unha marcha a pé devolverá o verde ao Pindo.

Comentarios