E Radio Sermos volve bourar!

Porque, como di Xurxo Souto, en materia de creatividade a Galiza é o centro, non a periferia, a música galega e en galego volve ás nosas ondas. 


A música galega contemporánea é unha selva diversa absolutamente enfeitizante. Magma sonoro que abrangue todas as formas e estilos. E que conta ademais coa textura, coa propia cor da lingua, como grande elemento de proxección internacional. 

En materia de creatividade somos centro, non periferia. Unha nación quen de dialogar en clave de talento con calquera outro pobo do planeta.

Esta exuberancia sonora -terrible paradoxo- mantense silenciada dentro do propio país. Unha rapaza de Viveiro pode coñecer polo miúdo o que agora mesmo está acontecer en Londres ou en Berlín, mais terá verdadeiras dificultades se quere aproximarse a realidade musical de Verín. E viceversa, un rapaz das ribeiras do Támega poderá sintonizar ás presas coas últimas novidades de París ou Nova York, mais, de certo, terá que converter nunha cuestión persoal a procura dos sons que agora mesmo está a producir Viveiro, no norte do seu país.

Calquera medio de comunicación que tente achegarse á realidade da Galiza contemporánea non pode estar xordo a tanta vida. Diante de agoiros apocalípticos, nas últimas décadas, cada vez que se lle prestou un chisco de apoio á música galega, este país estoupou en melodía. Temos fame da selva diversa. Se queredes que os vosos sons soen na vosa radio facédenos chegar uns temas ao enderezo electrónico [email protected]Reclamamos pois máis alimento. Contra o silencio, eis volve bourar con máis potencia RADIO SERMOS.
 

[Cuadriño de Leandro Lamas e texto de Xurxo Souto]

Comentarios