Esta quinta feira, todo sobre o Reino de Galiza nun AFondo monográfico

Sermos Galiza dedica desta volta o seu Afondo, o caderno de análise do semanario, ao Reino de Galiza, o momento da historia en que o país tivo unha existencia independente e foi potencia hexemónica na Península Ibérica. Será no número que sairá do prelo esta quinta feira e que disponibilizaremos na loxa xa na noite da cuarta.

Reis_de_Galiza2
photo_camera Gravuras de Fernando II e Afonso VIII, reis de Galiza

Foi unha das etapas máis esplendorosas do noso país, mais tamén é unha grande descoñecida para boa parte da poboación. Coordenado polo presidente da Asociación Cultural O Galo, Marcos Maceira e Fran Rei, Sermos Galiza edita un AFondo sobre o antigo Reino de Galiza con motivo da exposición elaborada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) que se inaugurará o vindeiro 5 de decembro e que percorrerá a rede de museos da Deputación de Lugo. 

'Galiza, nun tempo de seu' achéganos as personaxes da época, as guerras que cercaron Galiza e as institucións que deron ao noso país un espazo nacional propio. Da familia de Castro ao goberno da Irmandade pasando pola noite da Frouseira ou a resistencia á monarquía centralizada castelá que asinou "a doma do reino de Galiza" son algúns dos asuntos que centrarán este caderno monográfico arredor dun tempo que constitúe un alicerce fundamental da nosa historia. 

Da man de autores como Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Lourenzo repasaremos en oito páxinas episodios fulcrais na historia negada do noso país.

Comentarios