Quico Cadaval e Federico Pérez xúntanse nunha noite de humor mítico con Edipo e Breogán

Preséntase como “posibelmente o mellor show de humor galego” e pode ser que sexa certo. Quico Cadaval co seu “Edipo” e Federico Pérez coa “Ración de Breogán” xúntanse nas “Noites de Retrancas” este xoves no Principal de Compostela.

 

Cadaval e Edipo, Federico Pérez e Breogán, dúas parellas para botar unha risas. O xa case deus Breogán, fundador da Galiza, baixa a terra para poñer man na desfeita. Federico Pérez bota man dun dos personaxes máis poderosos do noso imaxinario colectivo para construir o seu relato, convertido nun novo Breogán que vai poñer a súa nacion a andar.

Canda el, Cadaval, volve sobre o seu Edipo, un mito ao que el lle dá volta de maneira maxistral para convertelo nun relato único que mantén no seu repertorio. O “Edipo” é tan propio xa de Cadaval que chega a presentalo dicindo que o “público europeo coñece mellor a versión do ribeirán que a orixinal do inmortal Sófocles”. A taberneira do porto galego como figura central que Quico Cadaval ten tan próxima na biografía convértese en protagonista dun dos monólogos máis celebrados do relato oral galego. Corenta e un minutos -así o computan- no escenario no que un dos máis recoñecidos nomes do teatro galego enche el só o escenario cunha historia na que a psicoanálise mestúrase coa gastronomía ou a épica até construir un entramado que fai del un extraordinario relato. Será no ciclo "Falabaratos" o xoves 24 ás 20 horas no Teatro Principal de Compostela. 

Comentarios