"Queremos saber a verdade mais non vinganza" di a representante das familias en Bonaval

As vítimas e a veciñanza de Angrois protagonizaron a homenaxe que se desenvolveu hoxe cuarta feira no Parque de Bonaval. Como representante das familias, a viúva dunha das vítimas reclamou coñecer a verdade, mais "sen vinganza". 

Foto: @AlejandroPerezD
photo_camera Foto: @AlejandroPerezD

No espazo que queda no meio do antigo cemiterio de Bonaval, a veciñanza de Angrois e representantes políticos constituíron a maior parte do público desa parte recollida do parque, rodeada por antigas sepulturas agora tapiadas. Dúcias de persoas seguían desde a parte superior do parque unha homenaxe centrada nas vítimas e as súas familias e a veciñanza de Angrois, que estiveron tamén nas intervencións da psicóloga Ana Isabel Martínez -a única das persoas que tomou a palabra que se expresou en galego, de quitados os presentadores do acto- e a representante das familiares. 

A música de Uxía, Budiño e a Real Filarmonía puña o limiar a un acto cívico que contou con menos presenza institucional do que a misa da catedral -nin Rajoy nin a Casa Real asistiron- mais si con ampla presenza do BNG e AGE, que non acudiran á celebración eclesiástica.

Música e tres intervencións breves despois da enumeración un a un dos nomes das vítimas mortais, unha lectura que se demorou máis do que ninguén quixera. A viuva dun dos falecidos mostrou a súa dor e a necesidade de coñecer a verdade do acontecido. Pediu tamén que se investigue se había posibilidade de evitalo. A psicóloga Ana Isabel Martínez, que coordinou o dispositivo de atención psicolóxica ás vítimas do sinistro, dirixiuse á veciñanza de Angrois dicíndolle que "con eles soubemos que os herois existían". Foron despois dous veciños da aldea, entre eles o presidente da asociación Xosé Anxo Puga, os que se dirixiron aos familiares das vítimas para darlles o ánimo que tanto tentaron repartir naquela dura noite. 

Poemas de Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro e a interpretación do himno galego con Budiño e a Real Filarmonía puxeron fin ao acto.  

Comentarios