Pura Ferreño, “Esquecemos o sabor e o aroma do leite verdadeiro”

Pura Ferreño leva desde o 2002 traballando en temas de asesoramento na Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que xestiona a Granxa o Cancelo, un proxecto singular que comercializa leite en dispensadores, produce xeado e abre as súas portas para divulgar as vantaxes de apoiar, tamén no consumo, as explotacións gandeiras. 

Pura Ferreño
photo_camera Pura Ferreño

Defende o futuro do noso sector agrícola e sobre a mesa pon un feixe de razóns para que así sexa. Xera emprego, mantén a viabilidade do rural e é o mellor dos cortalumes. Enxeñeira agrónoma, Pura Ferreño fálanos dos obxectivos da Granxa o Cancelo. 

-Como nace a Granxa o Cancelo?

Trátase dunha das actividades da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, unha entidade que presta servizos de asesoramento, substitución ou xestión ás explotacións gandeiras. Era unha granxa abandonada, da que en 2009 nos facemos cargo. As vacas volven ás terras e comeza a funcionar con persoal da cooperativa. 

-Por que decidiron xestionar directamente a granxa?

Hai que predicar co exemplo e poñer en práctica o que defendemos. O Cancelo é tamén un campo de probas para buscar novas vías de comercialización, produtos con valor engadido e tamén de divulgación dos traballos dunha explotación. O Cancelo recibe visitas e explicámoslles a persoas alleas ao rural que quedan 11.000 granxas de vacún na Galiza que están xerando emprego e impedindo que as aldeas fiquen abandonadas. Esta é a filosofía e Granxa o Cancelo; funciona como unha marca. 

-En canto á comercialización con máquinas expendedoras de leite, cando imos ao barato e ao rápido, está a dar resultado? 

Comezamos en 2010 coas máquinas. Temos catro funcionando e dúas pendentes de instalación. Nos últimos vinte anos cambiáronnos os hábitos de alimentación. Viviamos nun país no que o leite pasteurizado tiña moita aceptación, e agora só vemos grandes lineais de bricks. Queremos que se volva recuperar o leite do día, o que hai que gardar en frío. Unha volta atrás, en certa medida. Como dicimos, volver tomar leite de verdade, co seu sabor e o seu aroma. Témolo esquecido! Recuperar un produto saboroso que sabe ao que é; nin se lle quita nin se lle pon. O leite UHT consérvase como mínimo tres meses, contén conservantes e pasa por procesos térmicos. Nós non lle facemos máis que pasteurizar e distribuír. Non homoxeneizamos nin estandarizamos. O leite Granxa o Cancelo vai variando en función do tempo de parida das vacas, da alimentación. Conserva a súa nata e con ella os aromas e os sabores. O leite de brick é un produto estándar sen matices. Ademais, evítase a xeración de residuos, ao ter que levar a botella para enchela. 
 
-O Cancelo é a única granxa do país que produce xeado. Por que tiran por ese produto e non o iogur ou o queixo?

Temos un obradoiro e queriamos sacarlle partido indo ao produto de valor engadido. O xeado tiña esa vantaxe: non había quen o fixese no país. En Asturias hai algunha granxa que o fai,  pero é franquiado; é dicir, mándanlle a pasta para mesturar co leite. Aquí nós temos o leite, compramos a nata, o azucre, o cacao, a froita... e faise a mestura na granxa, cun traballo artesanal, coms se fose da casa. A materia prima é de calidade, de temporada e de proximidade. Cando non hai kiwi ou amorodo, non elaboramos os xeados deses sabores. A castaña, poño por caso, é a do Courel. 

-Aí si que teñen competencia. Agora hai xeados de marcas brancas a moi pouco prezo. 

Xa mais estamos a falar de cousas distintas. A nosa materia prima é de primeira calidade, con froita fresca, e a masa, feita por nós. O produto é xa máis denso. Unha terrina de medio litro pesa 450 gramos, o mesmo que pesa a do litro dun supermercado. Os outros levan moito aire, e o noso segue un proceso de manteigación que o fai máis denso e saboroso. 

-Os baixos prezos dos lácteos son a unha verdadeira ameaza para o sector?

O leite deixou de ser un alimento para ser un produto de reclamo, e o que a xente debe saber é que se un leite se comercializa por debaixo dos 65 céntimos, non se están a pagar os custos de produción. En 2012 producir un litro de leite puido custar entre 37 e 38 céntimos, sen transporte nin envasamento. O certo é que tamén estamos a atopar que hai consumidores que valoran a calidade e xente concienciada coa importancia de manter as explotacións abertas. Onde agora está O Cancelo había terras abandonadas, e agora hai xente a traballar que xera movementos económicos arredor. Hai xente disposta a pagar máis para consumir de forma responsábel. 

-O consumo responsábel afecta entón ao emprego no rural?

Sabemos que a crise está a afectar a todo o mundo, mais é preciso manter os empregos no rural, e a iso contribúe un consumo responsábel. Trátase dun sector moi atomizado, de pequenas empresas, que xeran empregos en ámbitos nos que a única perspectiva é a instalación de grandes empresas que esquilman os recursos, e estamos a ver o que pode pasar coa minaría. As explotacións utilizan os recursos e reinvisten na zona. Por outra parte, cómpre saber que as explotacións leiteiras xuntan máis traballadores que a Citroen. Debería preocuparnos o peche das explotacións gandeiras, pois o sector leiteiro tamén é unha grande empresa. 

-Que queren que vexamos nas visitas á granxa?

Queremos transmitirlle á xente a importancia das explotacións gandeiras, agrarias, do monte... a repercusión que teñen na nosa sociedade. Nas comarcas gandeiras non hai problemas de incendio. As patrullas son o gando. Coa súa desaparición sobrevén o despoboamento. A xente ten que sabelo. Cando se falan das axudas ao mundo rural, cómpre dicir que se trata dun investimento en quen está traballando e tirándonos as castañas do lume. Mentres hai xente que coide o medio rural, a sociedade pode estar tranquila. Cando desaparece é cando fan falta cartos para as cuadrillas. 

Comentarios