Pulan por unha Indicación Xeográfica Protexida para os viños do Morrazo e Pontevedra

As Xornadas 'Viticultura Atlántica' xerarán un espazo de debate para que os diversos axentes deseñen máis unha IXP para os viños da Galiza. Desde a organización destacan "o amplo consenso social, político e económico" arredor da creación deste novo selo de calidade

Galiza podería contar cun novo selo de calidade para os seus viños. A Asociación Galega de Viticultura organiza con este obxecto as xornadas "Viticultura Atlántica" en Bueu os vindeiros 19 e 20 de xullo. 

Coa colaboración do Fondo social europeo, o Ministerio de Medio Ambiente, Mar e Medio rural, AGADER e a Consellaría de Medio rural e do Mar (Xunta de Galiza), @s viticultor@s do Morrazo e terras de Pontevedra pularán por un novo indicador que protexa e garanta a calidade dos seus viños.

Desde a organización salientan que o seu obxectivo é "sentar as bases e criterios para crear" esta nova Indicación Xeográfica Protexida (IXP) que viria a se sumar ás xa existentes no noso país: viños Terra de Betanzos, Val do Miño, Terra de Barbanza e Iria. Para alén dos máis coñecidos, protexidos polo selo Denominación de Orixe; Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. 

As Indicacións Xeográficas Protexidas son selos de calidade europeos atribuídos a produtos alimentarios orixinarios dunha determinada zona. Para seren outorgadas debe existir un trazo característico atribuíbel unicamente a ese emprazamento. Aliás, a súa produción, transformación ou elaboración debe desenvolverse nese espazo. A súa aprobación outorga un maior prestixio aos produtos catalogados.

Comentarios