Protestas nas estacións galegas o día no que se inaugura o AVE Madrid-Alicante de case dous mil millóns de euros

Case á mesma hora as estacións dos camiños de ferro de Galiza e do Estado ofrecían moi diversa imaxe. En Alicante, Mariano Rajoy o príncipe Felipe e a ministra Pastor inauguraban a liña do AVE desde Madrid que supuxo un investimento de 1.920 millóns de euros. Nas estacións galegas, o BNG protagonizaba concentracións para denunciar o desmantelamento do ferrocarril anunciada recentemente por Fomento. 

concentración na estación de Lugo
photo_camera concentración na estación de Lugo

Diversas concentracións, Lugo e Vigo entre elas, se desenvolveron a segunda feira en estacións de ferrocarril galegas tomando parte da campaña “Que non nos rouben o tren” promovida polo BNG despois dos anuncios do Ministerio de Fomento e a Consellaría de Infraestructuras de recortes no transporte de media distancia que implican a eliminación de frecuencias e a diminución de estacións e apeadeiros. A imaxe de protesta con faixas nas que se protestaba polo desmantelamento do servizo no país, batía coa grande inauguración con alto nivel de representación institucional que abría case á mesma hora a liña de alta velocidade Madrid-Alicante, coa presenza,e entre outros, de Rajoy e o príncipe Felipe. 

A liña de AVE Madrid-Alicante supuxo un investimento de 1.920 que permitirán viaxar entre as dúas cidades en dúas horas e vinte, é dicir, redúcese unha hora do que até agora levaba a viaxe. Incorpórase aos máis de 40.000 millóns que nos últimos 20 anos o Estado español dedicou a alta velocidade. Só arredor de 0,5 por cento das persoas que usaron o ferrocarril o pasado mes de abril subíronse a un tren de alta velocidade mais, esmo así, o Ministerio de Fomento decidiu optar pola redución no tren de media distancia,que afecta de maneira especial a Galiza. 

Mariano Rajoy, o príncipe Felipe e os ministros Ana Pastor e José Manuel García-Margallo facían a primeira viaxe no novo AVE para se dirixir a Alicante onde, entre outros cargos do PP, agardaba a presidenta de Castilla La Mancha, María Dolores de Cospedal. O acto, cando se ven de anunciar a redución de paradas en trens de media distancia, deixaba á vista aínda máis o modelo defendido polo PP que prioriza as conexións con Madrid  e o chamado "corredor mediterráneo" e aposta por eliminar paradas en media cercanía que poderían converter o transporte nun servizo de uso diario. A nova liña de AVE habilita par a6.300 prazas diarias en nove frecuencias por sentido. 

Máis proximidade

En Vigo, a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila reclamaba un servizo de proximidade que “permita a comunicación interna do noso país”. Contra esa demanda que se leva facendo desde hai anos, o goberno central “elimina liñas e paradas en media distancia que actuaban como tren de proximidade”. Desde a estación de Vigo, onde participou na mobilización, sinalou que, en concreto, na liña Vigo Ourense, elimínanse 14 paradas. Na liña Santiago-Ourense, quitáronse dous dos trens coñecidos como rexionais e pecháronse de vez as estacións de Vedra-Ribadulla, Bandeira e Ponte Taboada en Silleda ao tempo que a de Lalín queda cunha soa frecuencia ao día Pola contra, aumentouse un de longa distancia a Madrid. 

O ministerio que ten á fronte á ministra Ana Pastor promoveu unha reforma que supón na Galiza a perda, cando menos, de 94 enlaces semanais quedando 30 estacións nas que non para ningún tren ao día, número que se suma ás 26 que se pecharon nos últimos anos. En 21 estacións so para un tren ao día. Os recortes afectan, segundo estimaron os comités de empresa de ADIF e Renfe, 150.000 e 200.000 viaxeiros galegos ao ano. 

Para Olaia Fernández Davila, as recentes declaracións da Ministra de Fomento, Ana Pastor asegurando que era obxectivo optimizar o ferrocarril como paso previo a súa liberalización significan que “as súas actuacións están encamiñadas a privatizar o servizo ferroviario”. 

O desmantelamanto do tren na Galiza coa eliminación de paradas nas liñas de media distancia significa, para o BNG, que o Ministro opta por un modelo para “garantir as conexións con Madrid en lugar dun modelo ferroviario para vertebrar o territorio galego”.  Defenderon así no Congreso, que o que Galiza precisa é un teren de cercanías que permita solucionar problemas de transporte na vida diaria e non un que facilite visitas esporádicas a Madrid. 

Comentarios