A Xunta pretende privatizar as brigadas helitransportadas que loitan contra o lume

A CIG vén de ter coñecemento de que se está a preparar un contrato para que se faga cargo do servizo helitransportado unha UTE (Unión temporal de empresas) formada por Nanutecnia e Inaer
CIG alerta das intencións da Xunta
photo_camera CIG alerta das intencións da Xunta

CIG-Administración tivo coñecemento de que a Consellaría do Medio Rural e do Mar pretende privatizar as brigadas helitransportadas do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios forestais (SPDCIF). Segundo a información á que tivo acceso, a consellaría estaría a preparar un contrato para que unha UTE, formada por Natutecnia e Inaer, se faga cargo do servizo ata o de agora prestado polas brigadas helitransportadas do SPDCIF.

A CIG demanda unha entrevista á conselleira de Medio Rural e do Mar para que explique por qué pretenden contratar helicópteros e persoal de incendios cando a Xunta dispón de persoal propio altamente cualificado.

Medios e persoal

Este contrato abranguería non só o alugueiro dos medios técnicos, neste caso os helicópteros que aportaría Inaer, senón tamén a dotación de persoal que prestaría o servizo neles e que achegaría Natutecnia. CIG afirma que ten tamén constancia de que a duración do contrato sería de 3 anos fronte aos 4 demandados por estas empresas.

“É unha neglixencia prescindir dun persoal cualificado, co perigo que iso supón para o verán que se aproxima"

A central nacionalista manifesta o seu rexeitamento por considerar que “é unha neglixencia prescindir dun persoal cualificado como é o que presta servizo nas brigadas helitransportadas, que son unha peza clave do dispositivo antiincendios, o cal vai supoñer un perigo evidente para o verán que se aproxima”.

Alén diso, a CIG considera “escandaloso” entregar cartos a empresas privadas para que fagan o que se viña facendo dende un servizo público, cuxo gasto “supón un sobrecusto para unha cidadanía exhausta xa de apertarse o cinto en favor de rescates bancarios e contratos a dedo”.

Afirma que non se entende como dun contrato que aínda non se publicou xa se coñezan os adxudicatarios, violando así o principio de igualdade e afirma que “sería escandaloso, e unha conduta delituosa, que finalmente saíra adxudicado este contrato a estas empresas, máxime cando aínda antes da publicación xa existe constancia disto”.

Comentarios