A CLASE TRABALLADORA GALEGA, CHAMADA A SE MOBILIZAR EN DEFENSA DOS SEUS DEREITOS

Un 1M para reivindicar dignidade

“Contra a pobreza, emprego e salarios dignos” é o lema da CIG dun Primeiro de Maio no que sacará doce manifestacións á rúa en cidades e vilas. CCOO e UGT teñen convocadas nove marchas para saír da crise sen perda de dereitos. CUT, CGT ou CNT tamén se manifestan en distintas cidades. 

1 de maio 2014
photo_camera Manifestación da CIG. 1 de maio 2014.

A CIG convoca este Primeiro de Maio doce manifestacións para denunciar a situación de pobreza da clase traballadora, mesmo a que ten emprego. ‘Contra a pobreza, emprego e salarios dignos” é o lema coa que a central nacionalista chama a saír á rúa nunha situación na que, segundo os seus cálculos, na Galiza habería medio millón de parados e paradas, cifra moi por riba da recoñecida pola EPA. 

Mesmo así, os datos da EPA do primeiro trimestre falan dun aumento do paro en 11.900 persoas nunha sociedade como a galega na que máis de 94.000 familias teñen todo os membros no desemprego, segundo destaca a CIG na conmemoración deste Primeiro de Maio no que chama a saír á rúa para se manifestar contra un modelo que “aboca á clase traballadora a unha situación de pobreza mesmo tendo emprego”. 

As doce manifestacións que a CIG convoca en cidades e vilas son: 

-A Coruña: ás 12:00 horas desde a Praza de Vigo.
-Compostela: ás 12:00 horas desde a Praza Roxa.
-Ribeira: ás 12:00 horas desde a Praza do Peixe.
-Ferrol: ás 12:00 horas desde o local da CIG.
-Lugo: ás 12:00 horas desde o edificio sindical na Ronda da Muralla.
-Viveiro:  ás 12:00 horas con saída na estación do FEVE.
-Ourense: ás 12:30 horas do Pavillón dos Remedios.
-Pontevedra: ás 11:30 horas desde a Ferrería.
-Vilagarcía: ás 12:00 horas desde a Casa do Mar.
-A Estrada: ás 12:00 horas desde a Praza do Mercado.
-Vigo: ás 11:30 horas desde a Doblada.
-Cangas: ás 18:00 horas desde o Concello.


Outras políticas contra a crise que non signifiquen a perda de dereito para a clase traballadora é a demanda de CCOO-UGT para este Primeiro de Maio no que reclaman a fin dos recortes e o establecemento dunha prestación de ingresos mínimos como eixos dun novo modelo no que as persoas “son o primeiro”. 
Entre as demandas para este Día do Traballo, CCOO e UGT recollen un cambio de modelo produtivo que potencie o papel da industria e a investigación ou a mellora do sistema de prestacións por desemprego que amplíe a protección. 

As manifestacións de CCOO e UGT son: 

-A Coruña: manifestación ás 12 h con saída da praza da Palloza
- Ferrol: manifestación ás 12 h con saída da praza do Inferniño
-Santiago de Compostela: manifestación ás 12 h con saída da Alameda
-Viveiro: manifestación ás 12 h con saída do edificio de sindicatos (rúa García Doriga)
-Lugo: manifestación ás 11:30 h con saída do edificio de sindicatos (rolda da Muralla)
-Ourense: manifestación ás 12 h con saída do Pavillón dos Remedios
-Vilagarcía de Arousa: manifestación ás 12 h con saída da praza de Ravella
- Pontevedra: manifestación ás 12 h con saída da praza da Ferrería
- Vigo: manifestación ás 11:30 h con saída do cruzamento da vía Norte con Urzáiz


“Pola Dignidade: Pan, Traballo e Teito é o lema das mobilizacións que convoca a CUT xunto con “outras centrais sindicais que representan unha alternativa ao sindicalismo hexemónico”. Ademais da CUT ,CNT,,CGT,SF,STEG,SE e SXG asinan as convocatorias seguintes: 

-A Coruña ------- Saída da Praza de Pontevedra ás 12:30h
-Vigo ------------ Saída da Praza de Fernando O Católico ás 11h 
-Compostela ---- Saída da Porta do Camiño ás 21:30h
-Cangas ---------- Saída da Alameda Vella ás 18:30h
-Ourense --------- Saída da Ponte Romana ás 12h


En Ferrol ás 18:00 CNT e Marchas da Dignidade convocan unha manifestación con saída do Cantón ás 18:00.

Comentarios