Presentan conflito colectivo por vulneración do V Convenio do Persoal Laboral da Xunta de Galiza

 

CIG, CCOO, UGT e CSIF demandan a suspensión do decreto de medidas para o emprego público mentres non se aclare se é constitucional ou non

compareencia dos sindicatos
photo_camera compareencia dos sindicatos

As centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF presentaron a pasada sexta feira perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza conflito colectivo pola aplicación do Decreto de Medidas para o Emprego Público que, aseguran, vulnera o V Convenio do Persoal Laboral da Xunta de Galiza. Os sindicatos demandaban ademais, en rolda de prensa conxunta, que, mentres non saia a sentenza e se aclare a cuestión de constitucionalidade, se suspenda o decreto. O representante do sector da Autonómica da CIG-Administración, Fernando García, explicou que este é o maior conflito colectivo presentado nunha administración, porque afecta a 11.000 empregadas e empregados públicos, que conforman o persoal laboral da Xunta de Galiza e porque, por extensión, podería repercutir en máis de 90.000 traballadores/as que desenvolven a súa actividade para a administración.

García xustificou a presentación do conflito colectivo partindo de que é inconstitucional a suspensión da aplicación dun convenio colectivo estatutario mediante unha Lei Autonómica. Por iso suscítase cuestión de constitucionalidade tanto no que respecta ao contido como á materia á que afecta o decreto.

Para o responsábel da Autonómica o máis grave é o obxectivo que persegue o goberno galego, “privatizar a administración pública pola vía de rebaixar as condicións laborais das súas traballadoras e traballadores, provocando un deterioro consciente da administración para xustificar así poñela en mans de empresas privadas”.

Para a CIG é incuestionábel que con este decreto a Xunta de Galiza viola a lexislación laboral. Por iso, García exixiu da administración unha inmediata rectificación e, cando menos, a “suspensión da aplicación da lei” en tanto non se determine a súa constitucionalidade.

Alén diso, na rolda de prensa lembraron a existencia de pronunciamentos xudiciais recentes do Tribunal Supremo que rexeitan a posibilidade de suspender o cumprimento dos convenios colectivos do persoal laboral das administracións públicas pola vía do artigo 38.10 do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a.

Ausencia de negociación

Fronte á imposición do decreto, o Presidente do Comité Intercentros, Rodolfo Docampo, lembrou que “nós intentamos negociar desde o primeiro momento e propuxemos que se aplicaran outro tipo de medidas, como o recorte dos gastos suntuarios e non os dereitos dos traballadores e traballadoras”.

Subliñou que con este decreto se está provocando a precarización do persoal da administración e denunciou que “a Xunta de Galiza vulnera un convenio colectivo que regula as relacións laborais do seu persoal e que ela mesma negociou e asinou, cando o que tiña que facer era garantir o seu cumprimento”.

Para o Presidente do Comité Intercentros, a redución de persoal que provocará a aplicación do decreto terá como consecuencia o incumprimento das rateos por usuario que corresponden a cada centro de traballo para garantir unha prestación de calidade.

Fronte as acusacións do actual goberno da Xunta, respecto do incumprimento horario do persoal ao servizo da Xunta de Galiza, demandou a actuación da Inspección Laboral para controlar o suposto absentismo laboral existente e mesmo asegurou que o propio persoal está renunciando ás baixas por incapacidade temporal para non reducir aínda máis os seus salarios, cos riscos para a saúde que isto ten, non xa para o conxunto do persoal senón mesmo para as persoas atendidas.

Do mesmo xeito, denunciou a supresión do fondo de acción social porque “fomos as traballadoras e traballadores quen decidimos que unha parte do noso salario fora para este fondo para continxencias e en solidariedade cos compañeiros e compañeiras que estiveran en situación de necesidade”.

Percarización laboral

Segundo explicou María Carme López Santamariña, secretaria nacional de CIG-Administración, cada consellaría está aplicando este decreto en función dos seus intereses, e nos máis dos casos “indo moito máis alá do que a propia lei marca”.

O persoal máis afectado é o dependente da consellaría de Traballo e Benestar, que está padecendo situacións que López Santamariña definiu como “moi graves”. De feito, denunciou “quendas longuísimas con 7 e 9 días seguidos sen descanso” e unha redución drástica de persoal por mor da desaparición de interinos e substitutos.

“Esta precariedade está afectando á prestación de servizos e a atención que se lle presta ás persoas que dependen delas”, concluíu.

Comentarios