Prenden na Coruña o home que quixo matar a súa compañeira guindándoa pola fiestra

Nas Illes Balears unha muller foi asasinada pola súa parella, apuñalada cun coitelo. En Lugo ingresou xa en prisión C. Gheorghe, quen matou Helena D. a machetadas. Dixo que o fixera "por ciumes". Concentracións de repulsa en Lugo, Vigo e Compostela

 


Mallou nela á saída dun local de copas. Chegou á casa cando ela xa estaba na cama. Ergueuna e carrastrouna polos pelos desde a habitación até o salón. Amedrentouna cun martelo e quixo guindala pola fiestra. Lévouna despois até o portal e, ao se lle pechar a porta por accidente e quedar el fóra, volveu entrar abríndoa a golpes cunha bombona de butano. Volveu ameazala co mesmo martelo e deixouna alí até que axentes da policía local se presentaron no inmoble, alertados por unha chamada que avisaba dunha discusión entre un home e unha muller.

Así relatou una veciña da Coruña a tentativa de asasinato que viña de realizar contra ela o seu compañeiro sentimental na vivenda que partillan, no barrio dos Mallos. O agresor foi detido e pasará esta segunda feira a disposición xudicial. 

Asasinada en Palma

Máis un asasinato machista rexistrouse esta fin de semana nas Illes Balears. Unha muller de 33 anos foi apuñalada cun coitelo polo seu compañeiro, que confesou os feitos unhas horas máis tarde, cando o prenderon. 

Así as cousas, nos tres primeiros meses do ano que veñen de rematar a violencia machista matou un total de 15 mulleres en todo o Estado, unha na Galiza. Helena D. foi asasinada na sexta feira pola súa parella cunha machada

Esta segunda feira están convocadas en Vigo e Compostela senllas manifestacións de repulsa, ás 20h (diante do museo Marco) e ás 20.30h (na Porta do Camiño). Haberá tamén unha concentración en Lugo, cidade onde residía a muller e onde o Concello decretou tres días de loito oficial. O autor do asasinato, C. Gheorghe, ingresou xa en prisión sen fianza e dixo que matou a Helena D. "por ciumes".

Comentarios