O PP baleira de contido a comisión sobre a corrupción ao vetar a comparecencia de Feijóo

O principal obxectivo do PPdeG é preservar ao seu chefe político, que non renuncia a dar a batalla sucesoria en Madrid.

Feijóo
photo_camera Feijóo, nunha comparecencia

Na comisión sobre a corrupción ficarán só os partidos do réxime bipartidista. Un, o PSOE, condenado no seu día por Filesa. Outro, o PP, envolvido no caso Gürtel e no caso Bárcenas-Rajoy. Vaise dar a circunstancia, portanto, de que os partidos con máis casos de corrupción nas súas fileiras serán os que abordarán este asunto no Parlamento galego.

BNG e AGE resolveron abandonar a comisión ante o que cualifican de uso partidista deste órgao por parte da maioría gobernante, e ante o veto que os conservadores interpoñen contra a comparecencia de Feijóo.

Financiación irregular

En realidade, non semella nada operativa unha comisión que non pode contar co testemuño do presidente do PPdeG, despois de se coñecer que a organización galega do partido conservador contribuíu para engrosar a contabilidade B de Bárcenas.

Tamén existen serias sospeitas de que empresas que financiaron o PPdeG obtiveron logo sustanciosos contratos da Administración galega.

A comisión é hoxe un estorbo para un PPdeG ao que anima un único obxectivo: blindar o seu líder e  mantelo vivo na carreira sucesoria. Neste sentido, unha recente crónica de La Voz de Galicia -diario moi próximo a Feijóo- revelaba que o presidente da Xunta mantén intactas as súas opcións a relevar a Rajoy na hipótese de que este finalmente cedese a lideranza [hipótese que, de acordo con outras fontes, tampouco é tan clara]).

Comentarios