PP tomba no Congreso a proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega, apoiada por 5 grupos parlamentares

Francisco Jorquera puxo de manifesto na Cámara española que ter entidades financeiras propias é necesario para “evitar o espolio do noso aforro, para asegurar que o aforro dos galegos se invista no territorio galego e se contribúa para o desenvolvemento do país”

O portavoz do BNG e candidato á presidencia da Xunta defendeu as modificacións lexislativas precisas para a Xunta de Galiza se tornar en accionista maioritaria de Novagaliciabanco, co que NGB se constituiría nun banco público galego.

A iniciativa foi rexeitada pola maioría absoluta do PP, mais obtivo os apoios de Amaiur, ERC, Izquierda Plural, PNV e CiU. PSOE e UPyD abstivéronse

@s únic@s deputad@s galeg@s que votaron a prol da proposta, sinlan desde o BNG, foron a deputada e o deputado do BNG. Ningún dos parlamentares galegos de PP e PSOE apoiaron a iniciativa.

Na súa intervención no Pleno, o portavoz do BNG no Congreso considerou necesario “apostar por unha Banca Pública con vocación de permanencia”. “Unha Banca Pública con vinculación territorial para evitar os desequilibrios que provocará a centralización do sistema financeiro”.

Lembrou que co decreto que instituíu o FROB se iniciaba unha reordenación que valeirou as competencias autonómica. “Para Galiza a perda das súas institucións financeiras significaría dar un golpe de graza á súa economía, significaría perder o control de activos por valor de máis de 75.000 millóns, dun patrimonio neto de 1.715 millóns, do destino do aforro de case 3 millóns de clientes e se ameaza a obra social”.

“A Banca Pública é unha realidade en Europa, existe en 32 países”

Jorquera puxo de manifesto que ter entidades financeiras propias é necesario para “evitar o espolio do noso aforro, para asegurar que o aforro dos galegos se invista no territorio galego e se contribúa para o desenvolvemento do país”. En definitiva, dixo, ter un Banco Público Galego significa máis posibilidades de financiamento para as PEMES, autónomo e tecido produtivo.

Criticou a Feijoó por tildar a proposta do BNG de “antigualla” e lembroulle que a Banca Pública “é unha realidade en Europa”. Así, salientou que o 21,7% dos activos do sistema financeiro europeo están en máns de bancos cunha participación pública superior ao 20%. “Hai entidades financeiras públicas en 32 países de Europa”. Explicou que na Alemaña de Merkel o S-Group está formado por 400 Caixas de carácter público, os coñecidos como bancos dos lánders, que son líderes na captación de depósito e concesión de créditos.

Jorquera enfatizou que “onde hai Banca Pública se constata o seu impacto positivo sobre a economía e os sectores produtivos, e hai unha industria forte”.

Dirixiuse ás bancadas do PP para dicerlles que “non sexan máis papistas que o Papa, non pechen a porta a un instrumento necesario para atacar as verdadeiras causas da crise no sector financeiro. Señores do PP galego, non se opoñan á única vía real que ten Galiza para preservar as súas entidades de aforro”.

Tapar o burato de Bankia

Jorquera fixo especial alusión á situación de BANKIA. “Simplesmente tapar o burato de Bankia custará 23.500 millóns de euros, 4 billóns das antigas pesetas, o que equivale ao 2,3% do PIB español, ou a 500 euros por habitante ou 1.500 por fogar”. E todo, enfatizou, sen que se diriman responsabilidades políticas nen legais.

E sen que o presidente do Goberno español se digne a comparecer ante esta Cámara para explicar a situación despois das continuas contradicións. Jorquera lembrou que desde o inicio da crise os Gobernos aprobaron até 6 Decretos sobre o sector financeiro. E puxo de relevo que en todo este periodo o Estado español inxectou máis de 118.000 millóns á banca privada.

Comentarios