O PP tumba en menos de tres meses un goberno saído do 24M

Coa moción de censura que se votará no pleno de hoxe ás 12:00 horas en Boimorto, o PP tumbará por vez primeira un goberno saído das eleccións do 24M.  O voto dun edil que se presentara pola lista do PSOE sérvelle ao PP para avalar o que o BNG define como “fraude electoral” e que botará abaixo o goberno presidido polo nacionalista Xosé Luís Rivas, Mini. 

mini

Tan só algo máis de dous meses despois de acceder ao cargo a través dun pacto entre o BNG e o PSOE, Xosé Luís Rivas, Mini, deixará, se as previsións se cumpren, ao longo desta mañá de ser alcalde de Boimorto. A presidencia do goberno municipal pasará ao PP, partido que se vale do voto dun edil que se presentara nas listas do PSOE para botar abaixo o goberno por medio dunha moción de censura. 

Unha campaña de apoios respaldan ao alcalde nacionalista, Xosé Luís Rivas, membro do dúo Mini e Mero e histórico defensor dos dereitos nacionais, do futuro para o rural, da nosa cultura e da recuperación da memoria histórica. De todos os ámbitos no que actúa, súmanse mostras de solidariedade co alcalde que se puxo á fronte das mobilizacións na defensa do futuro do agro. 

Tamén na organización na que milita e da que encabezou a lista electoral que o levou á alcaldía, o BNG pechan filas arredor de Mini. O voceiro nacional Xavier Vence, a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel de política municipal, Goretti Sanmartín e a voceira en Europa, Ana Miranda, anunciaron que, entre outros cargos, asistirán ao pleno que se celebrará ás 12 horas en Boimorto. 

"Fraude electoral" para o BNG

Xavier Vence definiu a moción, como “fraude electoral” e “burla premeditada e ilegal” que, ao seu ver, está a vulnerar a vontade da veciñanza. O BNG lembra tamén que, de triunfar a votación, presentará un recurso contencioso administrativo contra a moción de censura. Para o BNG, a moción preséntase contra o recollido no pacto contra o transfuguismo. Previamente, a organización nacionalista dirixírase a Feijóo e ao PP para esixirlle parar a moción de censura xa que, de seguir adiante, botaría por terra as súas promesas de “rexeneración democrática”. “É hora de deixar de comprar a vontade de concelleiros e cargos de outras organizacións para conquistar o poder que a cidadanía non lle deu” sinalou entón Vence. 

“Trátase dun caso claro de transfuguismo mais moi premeditado. É unha operación e gran calado. Nun momento no que aínda nin se constituíra o grupo municipal do PSOE un deles forma grupo independente. Aquí estamos a falar de mafia pura e dura. Unha operación de altura, propiciada polo PP, que tira a pedra e agocha a man, ese PP que sabemos como funciona, que mantén o caciquismo e segue a facer da política unha nube de esterco”, afirmou o alcalde de Boimorto, nunha entrevista publicada por Sermos Galiza xusto despois de se coñecer a presentación da moción de censura. 

Comentarios