O PP tomba a creación dunha Corporación Industrial Pública

O BNG propuxo no Parlamento a creación dunha Corporación Industrial Galega co fin de superar a política de subvencións da administración pública a empresas privadas dentro da Lei para a Creación do Instituto Galego de Crédito e Investimento que a maioría do PP impediu que fose adiante.  

industria
photo_camera industria

A Lei para a Creación do Instituto Galego de Crédito e Investimento que defendeu no parlamento a deputada Carme Adán trataba de dar resposta a unha situación que definiu como de “desaparición do sistema financieiro galego, estrangulamento do crédito e derrubo do tecido industrial galego”. 

A proposta nacionalista contemplaba a creación dunha Corporación Industrial Pública que supere a política de subvencións que inxecta cartos públicos a empresas privadas e sen facer logo seguimento da súa xestión. A deputada Carme Adán puxo sobre a mesa exemplos como os recentes acontecidos en empresas como T-Solar, Freiremar, Pescanova, Alimentos Lácteos ou Infinita Renovables para mostrar como “os millóns de euros públicos da administración non garanten o emprego nin a permanencia das empresas no noso territorio”. 

“Os millóns de euros públicos da administración non garanten o emprego nin a permanencia das empresas no noso territorio”., Carme Adán

Un IGAPE "zombi"

A lei defendía así a creación dun mecanismo de financiamento do tecido empresarial unha vez que os orzamentos “minguados” do IGAPE só se están a investir en subvencionar a empresas que co tempo marchan do territorio galego. Carme Adán defendeu así a transformación do IGAPE -”un zombi que se arrastra pola economía galega”, chamoulle- nun Instituto de Crédito e Investimento, seguindo o modelo xa existente en Cataluña e Euskadi. 

A venda das caixas galegas supuxo, segundo os datos presentados pola deputada, que dos  8.981 millóns de axudas públicas que recibiu NCG Banco só se recuperarán 728 millóns de euros. “Isto supón que só se reintegrará un 8% do diñeiro público que se empregou para sanear a entidade. Como tantas veces repetimos, unha ganga total para o comprador e unha ruína para o país”, manifestou Adán. A outra cara da moeda da operación é o estrangulamento do crédito que sitúa a Galiza no segundo lugar pola cola despois de Estremadura. 

Remitiuse a Bóveda para defender a importancia do sistema financieiro para a construción dunha nación. “O rexeitamento da creación dun IGCI é a expresión desta dereita galega sumida na vontade de Tánatos”, concluíu a deputada na súa defensa dunha lei que foi rexeitada no último pleno polos votos en contra do PP. 

Comentarios