PP e PSOE votan no Parlamento europeo un informe sobre as Rías que non garante seu saneamento integral

O PP impuxo na Eurocámara, co apoio do PSOE, a aprobación dun informe que non contempla solucións para o saneamento integral das Rías galegas. O BNG lamenta que a súa preocupación principal fose eliminar as críticas á Xunta e ao Goberno central que presiden.

Ría da Coruña
photo_camera Ría da Coruña

Os votos do PP e do PSOE deron o seu apoio ao informe que saíu aprobado por 20 votos a favor e 7 en contra. O BNG a través do Grupo Verdes/ALE mostrou a súa oposición que se sumou a de dúas das tres persoas encargadas oficialmente de elaborar o informe. Trátase da liberal Angelica Werthmann e a eurodeputada do Grupo Verdes/ALE, Tatajana Zdanoka. Ambas parlamentarias presentaron unha  “opinión de disenso” e reclamaron tamén a eliminación do seu nome do informe, demanda singular neste tipo de documentos. 

A secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, explicou a súa oposición ao informe que se “foi descafeinando ao longo destes meses de tramitación na Eurocámara por imposición do PP e coa compracencia final do PSOE”. O BNG presentou 41 emendas que foron rexeitadas, entre elas a que reclamaba fondos para sufragar as infraestruturas necesarias para o saneamento integral das rías galegas. 

“Farsa que non cumpre expectativas”

Para Ana Miranda, o informe final é unha “farsa que non cumpre as expectativas dos peticionarios, miles de galegos que levan anos loitando para que o saneamento integral das rías sexa unha realidade”. Miranda, que fixo parte como eurodeputada da delegación oficial de investigación, denunciou tamén os anos de incumprimento tanto do Goberno central como da Xunta da normativa comunitaria no que se refire á calidade de augas. 

Retirada de lodos 

As Administracións públicas terán, no entanto, que retirar os lodos da Ría do Burgo, ao prosperar a emenda 72 do BNG. Os nacionalistas, a través do Grupo Verdes/ALE, demandaban que se garantise con fondos europeos o saneamento integral das rías, un programa específico para a limpeza do litoral con aporte orzamentario, traballar co obxectivo da recuperación da actividade extractiva  e un recoñecemento a colectivos e persoas que levan anos defendendo as rías sen apoio institucional. Segundo o BNG perdeuse a oportunidade de botar adiante un informe “que aportase solucións” para o saneamento integral das nosas rías.

 

Comentarios