O PP de Ferrol retráctase e retira a denuncia contra Pintos

A Fiscalía pídelle dous anos e nove meses de cadea polos incidentes da campaña das autonómicas.

Pintos

O Partido Popular de Ferrol decidiu o venres retirar as denuncias interpostas polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; os deputados autonómicos Miguel Tellado, Natalia Barros e Hipólito Fariñas, e o presidente da Deputación, Diego Calvo, contra o secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, polos incidentes do arranque da campaña das eleccións galegas de 2012. No escrito dirixido ao Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol, os denunciantes rexeitan formular escrito de acusación contra Pintos “pola súa participación nos actos” que orixinaron a denuncia. Os cargos do PP local subliñan no documento que desexan que “non volvan suceder os actos de violencia e intimidación sufridos por eles propios” a noite do 5 de outubro de 2012”, mais optan por “renunciar ao exercicio de calquera acción penal ou civil”co obxectivo de “normalizar as relacións que han rexer a acción pública dos diferentes operadores políticos e sindicais desta comara e centrarse, a través do traballo e o diálogo, na resolución dos problemas sociais”. Nas últimas dúas semanas, o secretario comarcal da CIG recibiu numerosas mostras de apoio de sindicatos, partidos políticos e asociacións diversas, respaldo que fixo rectificar ao PP de Ferrol, que se atopa nunha delicada situación coa imputación do actual rexedor na operación “Pokémon”.

A retirada da acusación pouco afecta ao procedemento que se segue contra o sindicalista, pois a denuncia orixinal, formulada polos axentes da Policía Nacional que o detiveron aquela noite, continúa intacta e, polo tanto, tamén a petición de cadea da Fiscalía, aínda que si é certo que podería rebaixar finalmente a pena no xuízo, cuxa data de celebración aínda non está fixada ao recorrela o sindicato. López Pintos asegurou onte que valora a decisión do PP de Ferrol, mais que seguirá “combatendo as súas políticas, que son as mesmas que nos trouxeron até aquí”.  

Comentarios