O PP deita nun santo as súas responsabilidades políticas á fronte dos gobernos galego e español

A concelleira de Santiago Reyes Leis fixo as veces de 'delegada' da Casa Real española para pedir á imaxe do apóstolo Santiago "que nos ilumines nas nosas decisións e nos deas alivio nas fatalidades". Leis, unha d@s tres edís do PP compostelán que non están imputad@s en causa ningunha (@s outr@s 10 teñen causas xudiciais abertas na súa contra) encomendou ao santo "a sostibilidade" do modelo de benestar.

feijoo
photo_camera [Imaxe de arquivo]


Facer "sostíbel" o modelo do benestar. Que o ano que vén se poidan "confirmar con gozo as primeiras noticias que hoxe apuntan xa ao reflotamento do sector naval". Polo "mantemento" dunha entidade financeira "firmemente enraizada na nosa terra". Para "fomentar o diálogo" en prol "dun proxecto nacional de vida en común en España". Ou polo "alivio nas fatalidades", en referencia ao sinistro ferroviario rexistrado na curva da Grandeira, en Angrois, a noite do 24 de xullo.

Son estas as cuestións que centraron o discurso pronunciado pola concelleira de Santiago Reyes Leis na Catedral de Santiago perante a imaxe relixiosa do Santiago apóstolo. Leis, que este ano fixo as veces de 'delegada' da Casa Real española, deitou no santo as responsabilidades políticas que atinxen ao seu partido, o PP, ao gobernar con maioría absoluta tanto na Xunta coma en Madrid.

Entre autoridades militares e relixiosas

Diante da plana maior do executivo galego encabezado polo seu presidente, Núñez Feijóo; e diante das autoridades relixiosas e militares, Leis pediu que o santo torne "sostíbel" o modelo do benestar que a formación conservadora desmantelou con medidas contra dereitos básicos como a educación e a sanidade. A edil falou de "reflotamento do sector naval" o mesmo día en que a petroleira mexicana Pemex adiou por quinta vez a adxudicación dos floteis que Feijóo comprometeu en firme en setembro de 2012. O mesmo mes en que o PP consumou a venda de Novagalicia Banco á entidade privada venezolana Banesco, Leis pediu unha banca "enraizada na nosa terra". 

Perante a teima do seu propio partido en se facer ouvidos xordos fronte aos berros do pobo catalán en prol da súa independencia de España, a concelleira pediulle "diálogo" ao santo. E após vetar tanto no Parlamento galego coma no Congreso español a constitución dunha comisión de investigación para depurar as responsabilidades políticas no accidente de Angrois en que morreron 79 persoas, Leis rezou para que o Santiago traia ao pobo galego "alivio nas fatalidades". 

Actos relixiosos "de excepcional interese público"

Xa lle fixo saber Reyes Leis ao santo que a cidade que leva o seu nome "será referencia mundial por mellores motivos" que o sinistro da Grandeira. Nomeadamente, pola "celebración do 800 aniversario da peregrinación de Francisco de Asís".

Cómpre recordar que a Xunta xa anunciou no Parlamento que as empresas que colaboren na organización dos actos relacionados con tal "celebración" terán beneficios fiscais, pois o evento terá a consideración de "acontecemento de excepcional interese público". Máis un acontecemento relixioso católico "de excepcional interese público" nun Estado cuxa Constitución proclama como "aconfesional". 

As "funcións de incalculábel valor" do Borbón

O discurso de Leis foi redactado e pronunciado integramente en español agás un pequeno fragmento final en que a concelleira aproveitou para lle desexar "boa saúde" ao Borbón "para que poida seguir a exercer as súas funcións, de incalculábel valor para a nación española", dixo. Até aquí o resumo das peticións que o PP elevou ao ceo. Tal día coma este hai un ano o mesmo partido clamou pola creación de emprego. 

Comentarios