O PP continúa a desmantelar a política de benestar do bipartito

O actual proceso de eliminación do Servizo de Apoio á Mobilidade Persoal, o 065, é o novo episodio da política do PP que situou entre un dos seus obxectivos prioritarios o desmantelamento dos programas de benestar e igualdade que botara andar a Vicepresidencia do goberno bipartito, co nacionalista Anxo Quintana á cabeza 

Galescola
photo_camera Galescola

Ferrolterra, Verín, O Barco, Vigo e Pontevedra son as comarcas que quedan de inmediato sen o servizo 065, o sistema de transporte público que contribuía á mobilidade persoal de persoas dependentes que nacera durante o goberno bipartito, na área da Vicepresidencia da Igualdade e Persoal que tiña a Anxo Quintana no seu cargo máximo. 

O PP desmantela o servizo de transporte adaptado que fora deseñado como unha das iniciativas para contribuír a suplir as necesidades de persoas dependentes que o solicitaran. Máis de 7.000 persoas se beneficiaban do transporte das arredor de cen furgonetas que agora se reducirán a máis da metade. 

A eliminación do 065 é un novo exemplo da política de recortes do PP en benestar e igualdade, obxectivo número un do goberno de Feijóo para borrar a pegada dunha área que fora gobernada polo BNG e que continúa na filosofía da drástica redución da lei da dependencia imposta polo partido desde Madrid. 

Mais, ao longo da anterior lexislatura e no que vai desta, a cidadanía viu como desaparecían ou se reducían do panorama dos servizos sociais:

-As Galescolas: O PP non botaba abaixo só o nome para mudalo por “A Galiña azul”. Coa súa apisoadora desapareceu o Plan Estratéxico de calidade das escolas infantís -de 0 a 3-, a Parella Educativa -que contemplaba a existencia de dúas persoas por aula- ou o horario de conciliación -que abría os centros de 7 da mañá a 9 da noite para un mellor encontro entre vida laboral e familiar. Co PP borrouse calquera elemento que lembrara a imaxe do sistema de Galescolas que dependía da área de Igualdade xestionada pola nacionalista Carme Adán e así desapareceron materiais e mandilóns e deixáronse de mercar contos en galego e producir novos materiais de xogo e didácticos. Os mandís, de se produciren en Galiza, pasaron a vir cosidos de Madrid.  

-Tempos de Mulleres: Con esta iniciativa, a área de Igualdade ofrecía un programa dirixido a mulleres do rural centrado en formación en temas de igualdade e violencia de xénero. 

-Oficinas I+B: Dezaoito equipos comarcalizados que traballaban en igualdade e prevención da violencia foron aniquilados tamén coa chegada do PP. 

-Lei de Prevención e tratamento da violencia de xénero: O PP non desenvolveu a lei aprobada na lexislatura anterior que contemplaba, entre outras cousas, a existencia dun rexistro de casos en Sanidade e atención psicolóxica no sistema de saúde publica. Está sen desenvolver arredor dun 70%. da lei. 

-Programa Rodela: Foi un programa pioneiro en acompañamento a vítimas da violencia de xénero -recollido tamén na lei- que tampouco tivo continuidade no goberno de Feijóo. 

-Salario da liberdade: O PP endureceu as condicións para acceder ao salario das mulleres vítimas da violencia de xénero ao tempo que reduciu a contía. 

Comentarios