O PP veta no Parlamento galego unha declaración institucional a favor de Palestina

A negativa do PP impediu que o Parlamento galego aprobara unha declaración institucional a favor de Palestina e contra o masacre do goberno de Israel. O PP bloquea a iniciativa despois de o embaixador israelita acusar a cámara galega de estar do lado dos “máis extremistas inimigos de Israel”. 

O veto do PP impediu que se aprobase no Parlamento galego unha declaración institucional en solidariedade co pobo palestino e contra o masacre de Gaza por parte de Israel. A iniciativa foi presentada na Xunta de portavoces previa ao pasado pleno, mais a falta do apoio do PP bloqueo a hipótese de que a Cámara expresase o seu respaldo ás palestinianas e aos palestinianos. A declaración institucional non se abriu paso ao precisar da conformidade da totalidade dos grupos para se lle dar traslado á súa lectura no pleno. 

"O PP elude posicionarse despois de o embaixador de Israel en España reaxir diante da declaración institucional de apoio ao pobo palestino acusando o Parlamento galego de favorecer a “desaparición de Israel"

Nas últimas datas, xa no debate plenario, desde a oposición insistiuse en diversas ocasións co fin de presionar o grupo de goberno para conseguir a aprobación da iniciativa antes da paralización estival das sesións parlamentarias, mais o PP mostrouse remiso a dar o visto bo á proposta. O BNG rexistrou tamén unha proposición non de lei, porén os requisitos de tramitación empecerán que se debata até despois do verán polo que a declaración institucional sería a vía máis acaída para o posicionamento da cámara en plena agresión ao pobo palestino. 

O PP elude posicionarse a respecto da situación de violencia en Gaza despois de o embaixador de Israel en España reaxir diante da declaración institucional de apoio ao pobo palestino acusando o Parlamento galego de favorecer a “desaparición de Israel” e poñerse a carón dos “máis extremistas inimigos de Israel”. O embaixador de Israel en Madrid, Alon Bar mostrara a súa queixa a través dunha carta dirixida á presidenta do Parlamento galego e tamén aos portavoces do PPdeG, PSdeG e mesmo a Dolores de Cospedal.

Na declaración institucional reclamábase que a comunidade internacional esixira a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas e o respecto absoluto dos dereitos humanos e colectivos do pobo palestino. Contemplaba tamén o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás casas e terras de que foron expulsadas. 

BDS convoca esta segunda feira concentracións a favor de Palestina. En Compostela, recrearanse os check-points de Israel ás 20.30 horas. 

Comentarios