O PP bate contra os sindicatos para xustificar o desmantelamento de camas hospitalarias en verán

O voceiro popular de Sanidade, Aurelio Núñez, asegurou en Comisión parlamentar que o peche de 1.200 camas durante 4 meses foi un acordo aceptado polas centrais sindicais "a cambio das vacacións de verán". CIG e CC.OO acusan o PP de "mentir". 

Meixonfrío
photo_camera [Imaxe: CIG]

O PP tentou saír ao paso do rexeitamento xerado polo feche de camas nos hospitais acusando ás centrais sindicais de tomaren parte do acordo. En verbas do responsábel popular de Sanidade no Pazo do Hórreo, Aurelio Núñez, "os sindicatos aceptaron o feche de camas a cambio das vacacións de verán para os traballadores". 

Desta maneira o grupo que apoia o goberno da Xunta quixo xustificar que a supresión de 1.200 camas hospitalarias durante os 4 meses estivais fora apoiada pol@s representantes d@s traballador@s que, no entanto, viñan amosando o seu rexeitamento a tal decisión cun calendario de mobilizacións como resposta ao que coidan é unha medida para favorecer a deriva de doentes á sanidade privada. 

As centrais sindicais lembran que só o 25% do persoal está de vacacións no verán nun calendario de rotación que vai de xuño a setembro

Após as polémicas declaracións do deputado do PP, desde a CIG e CC.OO acusan o Partido Popular de "mentir" e tildan como "inadmisíbeis" as afirmacións de Aurelio Núñez pois, lembran, "se, cando menos, comprobara os acordos asinados entre as organizacións sindicais e o SERGAS podería comprobar que o persoal que traballa no Servizo galego de Saúde goza dun mes de vacacións que se inclúe nun calendario de rotación que vai de xuño a setembro", un feito que non xustificaría en ningún caso o "ese peche de camas", sinalan desde a CIG. 

Pola súa banda, CC.OO lamentou que "haxa representantes públicos que acudan á Cámara autonómica para difundir informacións que non son certas". Para as centrais sindicais “se este deputado, como é a súa obriga, se documentase a través da páxina web do SERGAS ou do DOG daría unha información veraz e non se dedicaría a manipular a información coa intención de desprestixiar ao persoal do Servizo Galego de Saúde”, indicou a secretaria xeral da CIG-Saúde, María Xosé Abuín. 

Aliás, lembran que é "obriga" da administración re-emprazar o persoal que goce do seu "dereito" a un mes de vacacións para o que lembran, "hai facultativos sobradamente cualificados" que na actualidade se atopan no desemprego. 

Comentarios