A policía despexa o peche do persoal de Povisa contra a baixa salarial do 40%

A concentración de traballadores e traballadoras de  Povisano edificio administrativo da Xunta en Vigo foi desaloxada pola policía cando tentaban seren ouvidas pola delegada en Vigo, Bravo Bosch. Protestan pola aplicación da empresa do convenio provincial que suporá un descenso do 40% do salario ás máis de mil trescentas persoas do cadro laboral. 

Concentración persoal de Povisa
photo_camera Concentración persoal de Povisa

Como “desproporcionado operativo policial” cualificaron as persoas concentradas no edificio da Xunta en Vigo o control co que se lles esixiu identificacións para rematar desaloxando o peche por volta das 13.30. As protestas seguirán o xoves 8 ás 10.30 nunha mobilización que partirá da farola de Príncipe. 

As 1380 persoas que integran o cadro de persoal da empresa da saúde POVISA, veranse afectadas pola redución salarial dun 40% que a empresa sanitaria de Vigo ten previsto aplicar desde a próxima nómina.

“Trátase dunha redución de condicións sen precedentes que afecta a todo o cadro de persoal. Povisa é unha empresa incluída na Lei de Sanidade Pública e un 80% dos cartos que recibe son de carácter público. Ademais, non ten perdas. No ano 2011 non houbo déficit e para o 2012 fálase de máis de dous millóns de beneficios. As medidas son completamente inxustificadas” comenta  María Xesús Neira, secretaria da sección sindical da CIG en POVISA. 

Un terzo con 52% de redución

A rebaixa salarial do 40% e de condicións laborais afecta a todas as categorías, sen embargo, unha parte do cadro de persoal sufrirán un descenso de ate un 52% xa que están afectadas previamente por unha redución de xornada. Trátase do 45% dos traballadores e traballadoras que padeceron unha política de recortes comezada hai pouco máis dun ano. A xornada reducira supuxo unha baixada salarial dun 12%. 

Povisa argumenta que ao non chegar a acordo nas negociacións do novo convenio pasa a aplicar automaticamente o provincial, razón pola que sen máis pasos intermedios, @s empregad@s pasan a sufrir de golpe unha extrema baixadas das condicións laborais. A empresa comunicou que o 24 de xullo entraría o convenio provincial polo que xa se vería afectada a nómina en curso mais o efecto será notable na súa totalidade na do próximo mes. 

A empresa afincada en Vigo contaba con convenio propio desde 1976. “Nós só pediamos que o convenio quedara como estaba, mesmo sen subida salarial até o 2015 mais queren que o convenio desapareza e por iso negouse ao acordo” explica Mª Xesús Neira.

Povisa ampárase na posibilidade que se abriu na nova reforma laboral pola que despois dun ano sen acordo decaería o convenio e entraría o de ámbito superior, nestes caso o provincial. O comité de empresa vai denunciar xudicialmente a Povisa unha vez máis. Nos últimos tempos, gañaron tres sentenzas contra a empresa, unha por atrasos, outra pola xestión de quendas e a terceira polas xornadas reducidas.  Esixirán tamén responsabilidades ao Sergas, á Consellaría de Sanidade e á Xunta, de quen Povisa recibe a maior parte do seu orzamento. “O Sergas paga todos os meses mesmo co incremento do IPC anual cando aos traballadores non nos subiron nada desde o 2010 e agora queren reducir de maneira drástica as nosas condicións laborais” denuncia Mª Xesús Neira ao tempo que destaca que se trata da primeira empresa que vai aplicar un convenio de ámbito inferior con efectos tan graves, sen razón obxectiva algunha. 

Xunto á redución salarial, a eliminación do convenio propio reduciría outros beneficios como os pluses por festivos e domingos ou por noites de Noiteboa e Fin de Ano, a incorporación inmediata nas excedencias, apoio económico para o estudo ou anticipos de nóminas cando se soliciten. 

Comentarios