Postais para rescatar as fotos máis antigas de Galiza

As fotografías máis antigas de Galiza volven á circulación convertidas en tarxetas postais. A Editorial Alvarellos rescata dez imaxes de Santiago en 1858 e distribúeas en librarías e quioscos. 

Paseo de París
photo_camera Paseo de París

O fotógrafo Andrés Cisneros retratou Compostela por volta de mediados do século XIX (1858) e unha selección de dez das imaxes capturadas volven agora a quioscos e librarías convertidas en tarxetas postais grazas á iniciativa da Editorial Alvarellos. A serie é a primeira de imaxes tomadas en Galiza, apenas poucos anos despois de se inventar a fotografía, feito que converten á capital galega nun pioneiro motivo desta nova arte. As imaxes de Cisneros formarían parte dun álbum para agasallar á raína Isabel II na súa visita a Galiza en setembro do mesmo ano no que foron tomadas. 

 Natural do popular barrio compostelán de Sar, Andrés Cisneros recolle co seu obxectivos espazos emblemáticos da capital galega como a vista da catedral desde a Alameda, a praza do Obradoiro aínda sen pedra na súa superficie, imaxes da Exposición Rexional Galega que tivo lugar en San Martiño Pinario ou o chamado “Paseo de París”, o lateral da Alameda (nomeado na actualidade como avenida Xoán Carlos I). A colección está xa á venda na páxina da editorial e en breve en quioscos e librarías. 

A publicación da colección de imaxes antecede a unha exposición que se desenvolverá na propia cidade dentro do proxecto de recuperación da historia da fotografía que Alvarellos iniciou en 2009 coa publicación de imaxes da Exposición Rexional Galega de 1909, entre outros autores do propio Manuel Chicharro.

Comentarios