Pontevedra promove unha rede de axuda para atender as necesidades básicas da viciñanza

Traballar en rede. Ese é o segredo do proxecto Rede Axuda que botou a andar o Concello de Pontevedra coa idea de atender as necesidades básicas da viciñanza. Entidades e voluntariado poñen en común os recursos cando tanto se precisan.
Xuntanza de Rede Axuda
photo_camera Xuntanza de Rede Axuda

Este mesmo venres, saltaban dúas alertas na páxina da plataforma Rede Axuda. Unha familia precisaba un coche de bebés para xemelgos e un albergue necesitaba con urxencia un termo que se estropeara e o arranxo custaba 600 euros. As dúas necesidades solucionáronse no propio día ao aparecer persoas que podían satisfacelas. Así funciona Rede Axuda, un proxecto da Concellería de Benestar do Concello de Pontevedra que dirixe a nacionalista Carme Fouces e que está a desenvolver un amplo plan de coordinación coas entidades de axuda social e o voluntariado que chama a atención pola sua eficacia e o nivel de implicación da cidadanía.

Carme Fouces explica unha das claves do proxecto botando man dun exemplo. Ao comedor de San Francisco sempre lle sobraba pasta e arroz donado pola cidadanía. En cambio non tiñan barras de chourizo. A través de Rede Axuda o que sobra vai para outras entidades que o precisan e hai moitas posibilidades de que apareza o que falta.

“Cando cheguei á área de Benestar entrevisteime coas entidades que traballaban no ámbito social e dinme conta de que non se coñecían. Por iso deseñamos como formúla máis rápida a elaboración dunha páxina web na que integralas a todas” explica Carme Fouces da orixe de Rede Axuda. A través da rede desenvólvese a maior coordinación. Na páxina fanse públicas as necesidades, as ferramentas, as propostas e tamén as urxencias. Neste momento, en Rede Axuda está activada a alerta por mal tempo o que pon a andar un protocolo especial de actuación deseñado en especial para as persoas que durmen na rúa. Protección social e a policía local traballan segundo estes dispositivos encamiñados a protexer ás persoas que durmen sen teito. Para estes días, cando a temperatura ou a chuvia son intensas e os albergues están ocupados, o Concello asinou un convenio cun hostal co fin de dar cabida ás persoas que durmen na rúa ademais de proporcionarlles roupa de abrigo. 

“Trátase de traballar tamén con carácter preventivo. As persoas desde os propios barrios ou parroquias poden identificar os casos que precisan axuda"


“Estamos a percibir unha maré de solidariedade e o que se precisaba era a organización desa capacidade de dar” explica Fouces que percibe como as persoas de Pontevedra participan activamente neste programa destinado a axudar á veciñanza do concello. En total oito entidades participan no proxecto, Fundación Secretariado Xitano, Asociación Rexurdir, Fundación Amigos de Galicia, Meniños, Cáritas, Proxecto Home, Calor e Café e Clube de Leones.

A resposta da cidadania diante desta rede de entidades levou a idear unha segunda rede na que se integran as asociacións de viciños e parroquiais, cun papel de especial relevancia á hora de detectar situacións de necesidade. “Trátase de traballar tamén con carácter preventivo. As persoas desde os propios barrios ou parroquias poden identificar os casos que precisan axuda e que, ás veces, non recurren ás entidades sociais” di Carme Fouces ao tempo que explica os criterios de prioridades cos que se actúa, a comezar por mulleres soas con crianzas, dependentes e, en definitiva, os grupos máis vulnerábeis.

Banco de libros de texto e axuda nos desafiuzamentos

A través de Rede Axuda desenvólvese tamén un banco de libros de texto neste caso destinado a poboación en xeral. O sistema ven sendo “cedo os libros de 5% e pido os de 6º”. Quen, por algunha razón, cedeu pero non accede aos libros do seu curso consigue un vale para material escolar. “Consideramos que o concepto de intercambio de libros de texto ten que perdurar e por iso botamos a andar esta iniciativa” comenta a Concelleira.

Outra liña de acción recente é a axuda legal ás familias desafiuzadas. Un convenio co Colexio de Avogados de Pontevedra permite atender ás necesidades legais prexudiciais das persoas que están en perigo de perderen as súas casas. Setenta avogados anotáronse no programa para traballar gratuitamente no asesoramento das vítimas dos desafiuzamento. O Concello aporta as dependencias municipais e o material que se precise. “Están atendendo á xente sen cobrar, no proceso de negociación cos bancos, nos pasos previos aos xuizos” explica Fouces, dun servizo que, como a propia Rede Axuda, está destinado á veciñanza de Pontevedra pero que recibe a cotío peticións de viciños e viciñas dos concellos limítrofes.

"Estanse a vivir cada vez máis situacións de necesidade mais iso tamén está petando na cidadanía" di Carme Fouces

“O feito de axudaren aos seus viciños fai que a xente contribúa máis na rede. A sociedade civil está danto a talla e, poño por caso, no Nadal vímonos desbordados polas doazóns, mais tamén contamos con voluntariado para facer os paquetes e o reparto” comenta Fouces. O seu departamento organizará en breve unha festa para o voluntariado na que as persoas usuarias dos comedores sociais, que participarán dun curso de manipulación de alimentos, serán as que sirvan o café a quen todos os días o fai. “Estanse a vivir cada vez máis situacións de necesidade mais iso tamén está petando na cidadanía e Rede Axuda quere organizar e facer eficaz toda esa enerxía” valora a responsábel do departamento.

Comentarios