Pontevedra “exporta” modelo urbanístico

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores leva a Múnic o modelo urbanístico de Pontevedra, convidado a participar no foro de expertos Walk 21 canda as cidades de Sydney, Múnic, Basilea ou Berlín. O premio Intermodes e o interese de cidades como París no Metrominuto aumentan a presenza internacional do proxecto promovido polo goberno de Lores. 

Fernández Lores en Múnic
photo_camera Fernández Lores en Múnic

Na  inauguración do foro Walk 21, foi o propio o alcalde de Múnic, Hep Monatzeder quen puxo a Pontevedra como exemplo de boas prácticas en materia de mobilidade peonil. Explicou Monatzeder que a cidade foi convidada ao congreso porque, ao seu ver, camiñar é un medio de transporte de futuro nas cidades e por iso buscan iniciativas como o Metrominuto pontevedrés. O alcalde de Pontevedra presentará o proxecto urbanístico da cidade nesta sexta feira, diante de máis de 700 especialistas de todo o mundo relacionados coa mobilidade e compartindo mesa co alcalde de Sidney, Múnic e Goteborg. A cidade de Pontevedra é a única do Estado español convidada ao foro internacional. 

“O debate está centrado nas decisións políticas, na participación e en como a cidadanía asume o modelo” sinalou Lores nun proxecto que, ao seu ver,  “é unha cuestión de valentía política, de moito consenso e de moita participación social”. 

Despois do Intermodes

A Múnic chega o alcalde de Pontevedra con recentes noticias que están a incrementar o interese internacional polo modelo de cidade defendido en Pontevedra. O premio Intermodes, recollido no pasado mes de febreiro en Bruxelas, polo proxecto Metrominuto para promover a mobilidade a pé ou a solicitude por parte da cidade de París a través da súa Oficina de Planeamento do permiso para empregar o plano peonil son dous exemplos da repercusión externa que a evolución da cidade está a suscitar. “Pontevedra é unha grande cidade e toda Europa tería que aprender dela” dixo a presidenta de Intermodes, Natalie LeCler ao entregarlle en Bruxelas o premio a Fernández Lores no pasado es de febreiro mentres defendía que se trataba dunha iniciativa que se podía implanta noutras cidades. 

O modelo de cidade de Pontevedra recibiu tamén, entre outros, o Premio Cemi 2007 da Confederación Española de Personas con Discapacidade, o Premio Nacional de Cultura, o Fesvial, pola súa seguridade Viaria, o Premio Movilidade Segura, da Dirección Xeral de Tráfico e a FEMP ademais de ter sido declarada Cidade Amiga dos nenos por Meniños. 

O Concello vén de presentar un novo mapa de mobilidade, en grande tamaño, para uso en oficinas ou locais no que se recolle información sobre mobilidade a pé, bicicleta, o metrominuto, o centro histórico, as parroquias ou mobilidade a motor.

Comentarios