Pontevedra e Ourense acollen a "Marea branca" en defensa da Sanidade Pública

A concentración da "Marea branca" en defensa da sanidade pública que se convocou para hoxe en Madrid espallouse polo noso país. Na Galiza participaron máis de 1.000 persoas e contou co apoio de SOS Sanidade Pública e as redes sociais. A Plataforma convocou para marzo manifestacións en Ferrol, Vigo e Pontevedra.
A Marea Branca pola sanidade pública en Ourense
photo_camera A Marea Branca pola sanidade pública en Ourense

As concentracións en varias cidades do Estado en defensa da Sanidade Pública, a "Marea branca" encheron as rúas de quince cidades en protesta contra a privatización e os recortes. Na Galiza as cidades que se sumaron, co apoio de SOS Sanidade Pública, foron Pontevedra e Ourense.

En Pontevedra a concentración realizouse na Praza da Peregrina, un dos lugares habituais das protestas na cidade, coa participación dunhas 250 persoas. "Foi unha convocatoria expontánea", sinala Anxo Rincón, do Colectivo Cidadán en Defensa da Sanidade Pública, "en solidariedade coas que se realizaron en Madrid e outras cidades". Rincón amosa satisfacción pola resposta "realizada en poucas horas" contra o que considera "a privatización dun sistema que segue o camiño da que deixou a máis de 36 millóns de persoas sen cobertura sanitaria nos Estados Unidos".

A concentración de Ourense foi a máis numerosa pola participación dunhas 900 persoas, segundo informa Luís Álvarez de SOS Sanidade Pública. "A maior parte dos presentes eran profesionais da sanidade pública mais tamén houbo moita participación de cidadáns", asegura Álvarez, "saben que lles afectan os copagos, as privatizacións e a falta de infraestruturas". SOS Sanidade Pública en Ourense puxo de manifesto o seu descontento "coas medidads do goberno de Feijóo" e apoia ás protestas de Madrid "que serán o espello en que se miren para copiar accións privatizadoras".

SOS Sanidade Pública Galiza convocou para o mes de marzo tres manifestacións que terán lugar os días 3 (Ferrol), 14 (Vigo) e 21 (Pontevedra). O seu voceiro, Manolo Martín, considera "un éxito" as concentracións realizadas hoxe "con pouco tempo, moita improvisación". A Plataforma traballa agora na realización de debates e charlas por vilas e cidades "para que a xente teña información e non só para que veñan ás manifestacións".


Imaxe: @_Oscar_Sanchez

Comentarios