Pontevedra acolle este sábado unha manifestación contra a represión sindical e o 'gallardonazo'

A mobilización convocada pola CIG sairá ás 11.30 horas da praza da Ferrería. A marcha denuncia o aumento da represión sobre o sindicalismo, parella a decisións do goberno español como endurecer o código penal ou aprobar a lei de taxas xudiciais
Manifestación pola liberdade sindical
photo_camera Manifestación pola liberdade sindical

Unha manifestación percorrerá este sábado, 15 de decembro, as rúas de Pontevedra, convocada pola CIG, para denunciar o salto que está a dar o goberno español para transformar o estado social nun estado penal. Así, na mobilización denunciarase o aumento da represión sobre o sindicalismo, que se plasma nos xuízos, multas e mesmo peticións de penas de prisión para sindicalistas por diferentes actividades relacionadas co seu labor. Neste punto, lémbrase o caso dos tres sindicalistas condenados cada un deles a tres anos e un día de prisión por participaren na folga do comercio e alimentación de Pontevedra de 2009.

Aínda que finalmente a Audiencia provincial decretou a absolución destes tres sindicalistas (2 da CIG e 1 de CCOO), o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, entende que cómpre seguir denunciando publicamente a campaña impulsada desde o poder “para impedir que se dea contestación sindical nos diferentes conflitos ou que, cando se dea, esta sexa o menos efectiva posíbel”.

Nesa liña Seixo insire tamén, o secretario xeral da CIG, a reforma do Código Penal que está a promover o Partido Popular. Unha reforma que, alerta, “vai intentar incidir máis no que ten a ver con desordes públicos, incrementando as penas e tipificando como delitos accións que até o de agora non eran consideradas como tal”.

A CIG tamén quere denunciar, con esta mobilización, a imposición dunhas taxas xudiciais que derivarán nunha xustiza “elitista e clasista” que vai rematar co dereito constitucional fundamental á tutela xudicial efectiva.

Comentarios