DENUNCIA CONTRA MEMBROS DO BLOQUE QUE PROTESTARON POLA PRESENZA DE MERKEL

A policía describe un militante do BNG como "varón español de acento galego"

A policía denunciou a militantes do BNG perante o xulgado de instrución número 3 de Santiago o 28 de agosto. No texto da denuncia, á que tivo acceso Sermos Galiza, a policía describe a un dos militantes do BNG, ao que acusan de tirarlle a pistola a un axente, como "varón, español, de acento galego".

MERKEL4
photo_camera Rubén Cela, no centro da imaxe, coa man sobre a cabeza

Tres militantes do BNG -o portavoz nacionalista en Santiago e candidato á Alcaldía, Rubén Cela; o responsábel comarcal do Bloque na Coruña, Paulo Carballada e o militante do BNG de Guitiriz Alfonso Losada- terán de responder a cargos formulados pola policía pola súa participación na concentración convocada contra a Troika e contra a visita de Angela Merkel a Santiago e que decorreu o 26 de agosto.

O relato da policía consiste nos seus trazos grosos en que a concentración contra Merkel non foi convocada previamente perante "o organismo competente" e que parte das 300 ou 400" persoas que a secundaron "bateron contra o cordón policial" cando este tentaba interceptarlles o paso ao Obradoiro en Fonseca.

A concentración non foi convocada formalmente por ningunha entidade e foi produto dunha chamada feita desde ás redes a activistas dos movimentos sociais achegados ao nacionalismo.

A policía afirma que un axente suxeitou a "un dos manifestantes", o cal conseguiu "coller a pistola de dotación ao devandito policía, caíndo a pistola ao chan, sendo recuperada polos funcionarios acompañantes". Prosegue a denuncia policial referindo que non foi posíbel deter "o suxeito", dada a súa "agresividade e a necesidade [por parte da policía] de controlar a masa".

O "suxeito" é descrito así pola policía: "Varón, español, acento galego, de entre 35 e 40 anos, medindo 1,70 centímetros, pelo rubio, pelo curto, complexión normal, barba de varios días, vestindo polo de cor beige, pantalón vaqueiro azul e zapatillas desportivas".

"Estamos perante un retroceso brutal nas liberdades públicas. Queren criminalizar a protesta social. E quéreno facer especialmente na Galiza"

Na denúncia afírmase que varios axentes resultaron "feridos" durante os "empurróns e agresións dos manifestantes".

Non se refere, en troca, as mazaduras producidas ás persoas concentradas e que foron recollidas por fotografías de diversos meios, entre eles Sermos Galiza.

O propio Rubén Cela afirma no seu perfil de Facebook que "naquela concentración pacífica recibín un forte porrazo na cabeza por parte de quen agora me denuncia...", ao tempo que proclama que "non nos calarán nin con porrazos, nin con multas nin con leis mordazas".

A policía xustifica o uso da violencia contra os manifestantes -a todas luces desproporcionado- por que "continuaban as agresións da manifestación aos axentes", o cal obrigou a estes a "utilizaren a forza mínima imprescindíbel para repeler a agresión e controlar a multitude agresiva".

No atestado, a policía consigna que a efeitos de identificar os responsábeis das supostas agresións se valeu "dos links emitidos nas redes sociais por meios de comunicación", entre os que cita ElMundo.Es, Galizaconfrainfo.org, Lasexta.Com e Lavozdegalicia.es.

A Subdelegación do Goberno comunicoulle a Rubén Cela que hai aberto contra el un expediente administrativo e paralelamente unha vía penal

Na denuncia formulada perante o xulgado santiagués só aparecen os nomes de Carballada e Losada, e non o de Cela. O candidato do BNG en Santiago si que está, porén, acusado. Coñeceu esta circunstancia ao ser informado dela por parte da Subdelegación do Goberno, quen lle comunicou que está aberto un expediente sancionador contra el que podería resultar na imposición dunha multa que iría entre os 300 e os 6.000 euros. Aliás, a Subdelegación comunicoulle que en paralelo se ten aberto contra el unha "vía penal".

"O alucinante", manifesta a Sermos Galiza o secretario de Organización do BNG, Bieto Lobeira, "é que nen Rubén nen o BNG temos coñecimento de ningún tipo de denuncia penal, así que teremos que ir ao xulgado a pedirmos información".

Segundo comunicou a Subdelegación do Goberno a Rubén Cela, as actuacións contra el decorren do feito de que nalgún momento da concentración mantivo "interlocución" cos axentes, daí decorrería a presunción de que o concelleiro do BNG era un dos "cabecillas" da manifestación.

Retroceso brutal

"Estamos perante un retroceso brutal nas liberdades públicas. Queren criminalizar a protesta social. E quéreno facer especialmente na Galiza porque saben que non somos un pobo sumiso e saben que a mobilización na Galiza sempre é útil", avalía Bieito Lobeira. "Nos últimos tempos, pensemos nas preferentes ou nos emigrados retornados, tense visto como o pobo galego reaxe cando é agredido e que obtén conquistas ao actuar dese xeito. Iso é o que queren cortar de raíz".

"Ao BNG non lle van calar a boca. Continuaremos a defender os nosos dereitos sociais e nacionais. Non nos van meter o medo no corpo", proclama Lobeira.

Paulo Carballada terá que comparecer xa a vindeira segunda feira na Coruña, apartir das 11 horas, nos xulgados da rúa Monforte. A esa hora o BNG convoca unha concentración en solidariedade co seu militante, contra a criminalización da protesta social e en defensa da liberdade de expresión.

Aliás, o BNG, no Congreso dos Deputados, demandará explicacións ao ministerio de Interior.

Comentarios