Afectad@s polas preferentes en Sanxenxo advirten que será "unha Semana Santa quentiña"

Afectad@s do Salnés levaban desde comezos de ano nun peche por quendas na Casa do Concello. “Vai ser unha Semana Santa quentiña”, advirten desde as plataformas de estafad@s, "non imos dar tregua a quen nos rouba"

Desaloxo en Sanxenxo
photo_camera Desaloxo en Sanxenxo

A primeira hora da mañá un grupo de axentes da Policía Local entraban na Cada do Concello de Sanxenxo para desaloxar aos cinco estafad@s polo calote das preferentes que iniciaban unha folga de fame. Desde comezos de ano, afectados polo calote fan quendas na Casa do Concello desta vila pontevedresa protagonizando un peche para demandar a devolución íntegra dos aforros. Até o de agora, o goberno local permitía esta protesta. Mais o PP semella optar agora pola vía dura, como demostra a aposta pola opción policial.

José Manuel Vázquez, un dos desaloxados pola Policía e responsábel da Plataforma do Salnés, criticou duramente a actitude da alcaldesa de Sanxenxo, do PP, e solicitou o apoio da cidadanía “porque non só somos nós os prexudicados por este calote, senón todos. Eses eran cartos que se ían gastar no comercio,...”. Vázquez xa anunciou que as mobilizacións e protestas van seguir e advirte que a xente "está moi,pero quemoi cabreada"

Pleno convulso

O desaloxo dos afectados prodúcese horas despois do tormentoso pleno municiapl de Sanxenxo, que finalizou coa alcaldesa, Catalina González, abandonando o Concello con protección policial. Sanxenxo, pois, é máis un concello a onde os e as estafadas polo calote están a transladar as súas protestas, socializando así o sofremento que viven milleiros de galeg@s. 

Na xornada de onte, os e as estafadas polas preferentes obrigaron a suspender cinco plenos municipais, entre eles o de Salvaterra, As Neves ou Gondomar.

Comentarios