A Pokemon sinala por segunda vez a Paula Prado

A Pokemon dá un segundo desgusto a Paula Prado ao investigar ao seu home por falsidade documental e tráfico de influencias. A xuíz Pilar de Lara, instrutora do sumario, está a investigar si o seu home utilizou a súa relación con Prado para a venda de materiais textís da súa empresa en organismos públicos como os concellos de Santiago e Boqueixón. 

paulaprado
photo_camera paulaprado

O auto de Pilar de Lara sinala que está a investigar ao home da portavoz de PP, Paula Prado para comprobar se empregou a súa “relación matrimonial” para beneficiar a súa empresa coa venda de materiais textís a organismos públicos entre os que se atoparían dous concellos con grupos de goberno do PP, Boqueixón e Santiago, no que a propia Prado foi concelleira de goberno. O home da voceira do PP podería ser acusado de delito de tráfico de influencias e falsidade documental, xa que existe a posibilidade, que se está a investigar, de que tivera emitido facturas falsas da venda de produtos textís por medio de intermediarios e persoas interpostas. 

As probas que manexa De Lara son, de novo, intervencións telefónicas e informes de Vixiancia Aduaneira, da que se deducen o presunto beneficio que tería obtido o home de Paula Prado ao se beneficiar da relación coa actual voceira do PP, amparado tamén na influencia doutras persoas “fortes” do goberno de Compostela como o ex-xefe de gabinete Ángel Espadas, do aínda concelleiro de Deportes, Adrián Varela -acusado, entre outras cousas, de tentar despedir a unha traballadora por ser compañeira dun sindicalista da CIG-  ou o exconcelleiro Albino Vázquez, os tres implicados na Operación Pokemon. De Lara investiga facturas non só do Concello senón de varios organismos públicos dependentes. 

A xuíz de Lara sinala por segunda vez a Paula Prado despois de se dar a coñecer as conversas telefónicas nas que, entre outras cousas, gabábase de ter engadido 3.000 euros ao custe real dun contrato polo espectáculo "A abella Malla". O PP, polo de agora, non fixo ningún movemento para afastar a Prado do seu posto de voceira no Parlamento. 

Comentarios