A Pokémon arrasa na Coruña con 12 cargos e funcionarios imputados

O primeiro tenente de alcalde do goberno de Negreira, Julio Flores o concelleiro do PSOE José Nogueira son os dous cargos das doce persoas imputadas no Concello da Coruña dentro da Operación Pokémon entre os que se encontran funcionarios e cargos de confianza do goberno de Negreira. 

acoruña
photo_camera acoruña

Cinco funcionarios da área de Cultura e, en especial, cos Museos Científicos, serán tamén chamados a declarar pola xuíza Pilar de Lara que investiga o trato de favor dado a Vendex en contratacións públicas. 

Co nome de Pikachu, a peza da operación separada para a Coruña, investíganse as actuacións de cargos e funcionarios en contratos adxudicados a Vendex tanto no actual goberno municipal como no pasado. Na Pokémon están tamén implicados outros cargos públicos municipais como o alcalde de Lugo e Santiago e foi razón para a dimisión do de Ourense. 

Entre os postos de confianza que aparecen agora na operación aberta na Coruña están a xefa de Cultura da Coruña, Susana Pazos, a directora dos Museos Científicos, Mónica Iglesias, o director técnico do Aquarium, Francisco Franco del Amo, a asesora do IMCE, Dulce Rodríguez ou a xefa de Contratación do Concello, Gloria Díaz. 

Diante das imputacións feitas públicas esta quinta feira, o BNG da Coruña esixiu dimisión dos concelleiros e o cese dos asesores imputados. Reclama tamén que os funcionarios implicados sexan apartados, é dicir, que non continúen a intervir en ningún proceso administrativo de contratacións. Esixe tamén a máxima transparencia do PP e o goberno municipal e urxe a Negreira a comparecer de inmediato co fin de explicar á cidadanía as circunstancias dunhas imputacións que, segundo din, están a danar a imaxe do Concello da Coruña. 

Comentarios