O pleno debaterá unha iniciativa do BNG para incrementar o apoio a mulleres vítimas de violencia machista

Baixa o número de denuncias e descende o apoio institucional. As crise desprotexe ás mulleres vítimas de violencia machista e, cos datos na man, o BNG reclamará no pleno desta semana unha análise da situación e o incremento de axudas económicas, psicolóxica e xurídica ás mulleres que padecen violencia de xénero. 

As asociacións de mulleres alertan de que a crise está a afectar á redución do número de denuncias por violencia diante do silencio da administración que aplica tamén os recortes aos programas das vítimas do terrorismo machista. O pleno debaterá unha proposición na que o BNG demanda á Xunta que se incrementen as axudas ás mulleres, que se lle preste atención psicolóxica e xurídica e que se cren xulgados de violencia de xénero. Son algunhas das reclamacións que levaron ao colectivo Velaluz a iniciar a folga de fame que aínda continúan na Coruña. 

De 6.068 denuncias por violencia de xénero en 2009 pasouse a 4788 en 2012. A ONU alertou xa en 2010 sobre os efectos que a crise económica ten sobre as mulleres que padecen violencia de xénero e, cos datos na man, as deputadas do BNG levan ao pleno desta semana unha proposición non de lei na que reclaman que se promova un “acompañamento axeitado das mulleres para accederen aos recursos e aos procesos xudiciais” como garantía de seguridade. O obxectivo concrétase en medidas que pasan por facilitar o acceso ao “salario da liberdade”, promover o seu acceso ao emprego e a atención psicolóxica e xurídica ademais da creación de xulgados específicos de violencia de xéneros, recollidos na lei mais aínda inexistentes. 

A iniciativa do grupo nacionalista critica que os recortes teñan afectado ao cumprimento da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que recolle a “asistencia social integral” das mulleres vítimas de violencia de xénero, e na que se contempla o seu dereito a “servizos de atención, de emerxencia, de apoio e acollemento e recuperación integral”. 

A aplicación dos recortes derivou nun endurecemento dos criterios do coñecido como “salario da liberdade” que buscaba a autonomía económica das mulleres. Se antes unha muller con ingresos de 800 euros podía contar cunha axuda de 400 agora non pode recibir  ningún tipo de apoio económico.  Para as que conten con ingresos de até 532,51 euros, a axuda será de 600 a 800, e de 300 a 500 para as mulleres percepcións de entre 532,52 e 798,76. 

A iniciativa do BNG reclama ao goberno do PP que mellore as axudas´ás mulleres que padecen violencia de xénero, facilitando a rapidez na súa xestión, abrandando os criterios de adxudicación e prolongando a duración a 18 meses prorrogábeis até 24. 

Como reclaman diversas organizacións de mulleres, a proposición recolle tamén a necesidade de integrar a “atención psicolóxica” como un servizo de atención primaria e implantar un sistema de rexistro de casos de violencia de xénero. O mesmo se recolle para a atención xurídica, permanente e especializada en materia de violencia contra as mulleres. 

Contémplase que o colectivo de mulleres que sofren violencia de xénero sexa preferente no ámbito da formación e o emprego, ocupando un lugar privilexiado na totalidade da normativa autonómica relativa ao establecemento de axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal. O BNG reclama tamén que o Parlamento inste á Xunta a demandar do goberno do estado a creación de e xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades, até agora inexistentes. 

Comentarios