Plataformas de Preferentes reclamarán o 1 de febreiro en Vigo a devolución de 500 millóns de euros

O sábado 1 de febreiro reclamarán cunha manifestación en Vigo a devolución de 500 millóns de euros a máis de 35.000 afectad@s. As Plataformas de Afectad@s por Preferentes e Subordinadas afirman que non pararán ate cobrar integramente os seus cartos. 

preferentes_capa_pequena
photo_camera preferentes_capa_pequena

Saíra desde o cruce da rúa Aragón con Urzaiz ás 11 da mañá e rematará na Porta do Sol de Vigo. Afectad@ por Preferentes e Subordinadas esixirán, máis unha vez, a devolución íntegra dos seus aforros que estiman en 500 millóns de euros a máis de 35.000 afectad@s. 

“Hai ano e medio, o presidente da Xunta, o Sr. Feijóo afirmaba que se ía buscar unha solución para as preferentes e subordinadas, pero hoxe o problema está sen solucionar”, sinalan no comunicado emitido pola Plataforma de Compostela, que denuncia que o presidente da Xunta se negou a recibir unha representación das plataformas. Tampouco foron recibidos polo Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde nin polo Vicepresidente e Conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, cargos da Xunta aos que solicitaron entrevistas. 

Diríxense tanto ao FROB e ao Ministerio de Economía como aos futuros directivos de Banesco para  advertirlles que “compraron un banco, pero tamén compraron un problema: os estafados coas preferentes e subordinadas”. Anuncian que non van parar ate a recuperación total do seu diñeiro. 

Sen resposta de Escotet

Tampouco teñen resposta a do Presidente de Banesco, Escotet, a quen lle solicitaron unha xuntanza malia recoñeceren que o control do Consello de Administración de NGB continua en mans do FROB e o Ministerio de Economía. 

Lembran que as persoas estafadas contan só coa demanda xudicial como vía aberta neste momento e esixen a retirada das multas e sancións administrativas que foron impostas nas mobilizacións aos membros das plataformas. Convidan a colectivos cidadáns, movementos sociais, sindicatos e partidos que neste tempo saíron a rúa en protesta contra os recortes sociais e dereitos que se sumen á mobilización de Vigo e apoien aos colectivos “estafados polas entidades financeiras”.

Comentarios