As plataformas de emigrantes voltan ás rúas para reclamar a devolución das sancións

Dous días despois de que intentaran, sen éxito polo control policial, entregar unha carta a Rajoy en Soutomaior coas súas esixencias, a Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados volve ás rúas esta terza feira para esixir o fin da discriminación e a devolución das sancións, os intereses e os atrasos.

Concentración en Soutomaior
photo_camera Concentración en Soutomaior

Arredor de 250 emigrantes concentrábanse na rotonda de acceso ao castelo de Soutomaior coa idea de facerlle chegar ao presidente do goberno español, Mariano Rajoy, unha carta coas súas esixencias entre as que se encontran a retirada non só das sancións e intereses de demora, senón tamén dos atrasos ademais da modificación da lei 35/2006 que formaliza o que entenden como unha inxustiza cos milleiros de persoas que tiveron que pasar parte da súa vida laboral lonxe da terra. O control policial tanto a emigrantes como a preferentistas impediu que a carta fose entregada ao presidente. 

A Rajoy non puideron chegar no encontro de Soutomaior, mais esta terza feira volven ás rúas para reivindicar os dereitos dun colectivo que viu como Facenda os trataba como “defraudadores” e obrigaba a que cotizasen con carácter retroactivo por dúas pagas impoñendo ademais sancións e intereses de demora que afogaron a boa parte das persoas xubiladas da emigración. A Rajoy reclamábanlle na carta que nunca recibiu que xestionase unha entrevista co ministro Montoro para falar da situación do colectivo. 

“Non buscamos só que se nos retiren as sancións e os intereses de demora, senón tamén os atrasos ademais da modificación da lei 35/2006 que é da que emanan todos os problemas”, apunta Manuel Domínguez

As dezanove plataformas convocan de novo manifestacións nas súas localidades esta terza feira co fin de esixiren ao goberno do PP de Madrid e da Xunta que poñan fin á discriminación que están a sufrir. A de Compostela sairá de San Caetano e conducirase até o edificio de Facenda en Salgueiriños. 

“Non buscamos só que se nos retiren as sancións e os intereses de demora senón tamén os atrasos ademais da modificación da lei 35/2006 que é da que emanan todos os problemas”, apunta Manuel Domínguez, da coordinadora de emigrantes Marusía. Ao seu ver, a decisión anunciada polo Consello de Ministros o pasado mes de agosto de retirar as multas estalles a dar a razón, da mesma maneira que o feito de que só no derradeiro exorcicio se mencionase a obriga de declarar por dous pagadores é indicativo de que antes en ningún momento se informou desa circunstancia. “A xente non estaba ao corrente e mesmo nas oficinas de Facenda dicían que non había que declarar se non se chegaba ao mínimo estipulado. “Había convenios bilaterais que avalaban que a xubilación dun Estado facía que non cotizases noutro. Neste caso retorceron a lei para incluírnos como con dous pagadores e levarnos a esta situación”, denuncia Domínguez. Do propio director da Axencia Tributaria de Galicia, Ulpiano Villanueva, recibiron tamén a resposta de que non recibían información desde Madrid sobre o tema o que, segundo Domínguez, pon á vista a necesidade “dunha facenda propia galega”. 

Sen información 

A pesar de que o consello de ministros do 1 de agosto aprobase a retirada das sancións e intereses de demora, polo de agora o colectivo de emigrantes descoñece cal será o sistema de devolución. “Só dixeron que será a partir de xaneiro mais non temos información algunha. Din que van facer entregar toda a documentación aos afectados mais nós reclamamos que se faga de oficio. Do mesmo xeito que os quitaron teñen que devolvelos”, explica Domínguez da posición mantida por Marusía. Para poñer sobre a mesa a discriminación, sinala que unha persoa que traballara toda a vida en territorio estatal tería obriga de declarar a partir dos 22.000 euros mentres outra que recibe unha pensión da Suíza tería que cotizar desde os 11.000. “Isto confirma a discriminación que sofren os emigrantes”, apunta, confirmando que a coordinadora está disposta a continuar coas mobilizacións até que a situación se reforme e o sistema fiscal trate aos emigrantes de maneira igualitaria. 

“Queremos manifestar publicamente que non admitiremos que se utilicen as nosas demandas e logros con fins electoralistas e que seguiremos loitando até conseguir que o Estado español non maltrate os emigrantes retornados galeg@s”, recóllese no manifesto que será lido nas mobilizacións desta terza feira, unha máis das que prometen se non se cumpren as súas demandas. 
 

Comentarios