A Plataforma Sarriana polo Río chegará até o despacho de Feijóo

Desde abril, a Plataforma Sarriana polo Río agarda resposta de Feijóo á petición dunha xuntanza.

sarria
photo_camera sarria

A Plataforma Sarriana polo Río non está conforme co “silencio administrativo” de Feijóo e, por iso, vén de anunciar que iniciarán o percorrido polo Camiño de Santiago desde Sarria o vindeiro 5 de xullo para chegaren ás portas do despacho do presidente da Xunta en San Caetano para solicitarlle, xa en persoa, seren recibidos. 

Nunha carta aberta dirixida a Feijóo, a Plataforma Sarriana polo Río faino partícipe da nova mobilización que responde á falta de resposta por parte do goberno galego. Desde que en abril lle dirixiron unha carta ao presidente da Xunta reclamando unha xuntanza para explicarlle a súa posición con respecto ás obras no río, continúan tendo, como única resposta, unha carta do director de Gabinete no que explica que o proxecto ten como obxectivo “diminuír o risco de asolagamento no núcleo urbano”. 

O interese xeral e as preguntas

Os membros da plataforma consideran que a resposta da Xunta, en boca do xefe do gabinete do presidente, Álvaro Pérez, esquece que o lugar onde se está a desenvolver a obra non ten risco de asolagamento, que non afecta ao cauce da auga nos puntos inundables e que, o interese xeral, queda en cuestión coa desprotección do patrimonio natural, cultural e histórico que mostra o goberno galego nesta operación. “O interese xeral está a ser defendido en Sarria polos cidadáns e pola Xustiza, que o pasado 11 de abril confirmou a paralización da corta do bosque de ribeira como medida cautelar, desestimando o recurso interposto pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil”, explican na súa carta na que desbotan o “interese xeral” ao que alude o xefe de gabinete de Feijóo e acusan á Consellaría de Cultura e á de Medio Ambiente de continuar “de brazos cruzados, abandonando de maneira escandalosa as competencias que en materia de protección e conservación do patrimonio natural e cultural de Galicia teñen atribuídas”. 

Para a xuntanza con Feijóo, que contan conseguir despois de se plantar nas portas do seu despacho unha vez camiñado desde Sarria polo Camiño de Santiago, teñen varias preguntas para a orde do día, unha delas irá sobre o dereito de acceso á información e á xustiza en materia de medio ambiente, dereitos que entenden negados ao non obter resposta ás súas solicitudes. Preguntaranlle tamén as razóns de que a Dirección Xeral do Patrimonio máis a Dirección Xeral de conservación da Natureza non teñen aberto un procedemento sancionador á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil despois das denuncias que a Plataforma presentou por infraccións graves e múltiples. Levan tamén unha batería de preguntas para se interesar polos plans do goberno para protexer os restos que están a ser descubertos, a ponte de orixe medieval e outros elementos patrimoniais. 

Comentarios