A Plataforma queima a lei Wert e mándalle as cinzas ao Conselleiro de Educación

Unha lei queimada, incinerada nada máis nacer. Así ve a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público a LOMCE e por iso, hoxe prenderon diante da sede da Xunta en Compostela o texto e rexistraron as cinzas cun par de coroas. Dirixen o envío ao Conselleiro Xesús Vázquez, “verdadeiro vasalo” de Wert. 

.
photo_camera .

O papel que contén a Lei Wert ardeu mesmo nun día de chuvia en Compostela, animada por representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que se concentraron diante da sede da Xunta en San Caetano para mostrar, máis unha vez, a súa ardente oposición ao texto recén aprobado. A lei nace, ao seu ver, morta e por iso decidiron facerlle unha incineración simbólica e entregarlle as cinzas ao propio conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, por ser “o mellor cómplice” de Wert. Unha delegación da concentración entregou no rexistro da Xunta o cofre coas cinzas máis dúas coroas dirixidas a Vázquez. 

Nun escrito dirixido ao conselleiro, deron traslado á convicción de continuar o combate contra a Lomce. “Estamos ante unha lei da que nos queremos desfacer, que non ten futuro. Como o conselleiro demostrou que era tan partidario entregámoslle os seus restos. Imos intentar que sexa inservíbel e inaplicábel e agardamos a súa desaparición”, sinala Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino. 

Antigalega, clasista e privatizadora

A pesar da recente aprobación da Lei Wert, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anuncia que continuarán no combate contra unha lei que supón, instaurar un “ensino antigalego, privatizador, clasista e elitista, moi lonxe da equidade que queremos no sistema educativo”. 

Os representantes da Plataforma Galega en  Defensa do Ensino Público escenificaron un cortexo fúnebre por diante da Consellería de Educación contra “unha lei sen futuro, que nace morta”. “Como o conselleiro foi un alumno avantaxado de Wert é a el a quen lle entregamos as súas cinzas”, apunta Louzao. “Non é o final da pelexa contra a LOMCE. Non ten futuro e agora toca avogar pola súa desaparición”  afirmou Fernando Lacaci, outro dos integrantes da Plataforma.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada por AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes, Agir, BNG, Galiza Nova, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Federación ANPA Ponteareas (FANPO)

 

Comentarios