PONSE EN MARCHA A PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO GALEGO

Apelan á resposta social para defender un sector lácteo en situación crítica

Unha manifestación o vindeiro 17 de xullo será o primeiro acto de protesta promovido pola recén creada Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego co fin de esixir da Xunta e o Ministerio de Agricultura medidas urxentes para a crítica situación que atravesa. 

Prezos á mínima e por baixo dos custes e non recollida da produción son os dous eixos que están a levar ao sector lácteo a unha situación crítica contra a que nace a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego que se presentou esta segunda feira en Compostela. 

Unións Agrarias (UU.AA), Sindicato Labrego Galego (SLG), Xóvenes Agricultores (XX.AA), Federación Rural Galega (Fruga) e Organización de Produtores de Leite (OPL) intégranse na plataforma que convocou como primeira iniciativa unha manifestación para o vindeiro 17 de xullo que aspira a ser multitudinaria. 

Apoio social para 3.000 gandeir@s

O obxectivo principal da Plataforma é acadar apoio social para 3.000 gandeiros e gandeiras esixindo que se impida a venda do leite por baixo dos custes de produción. Responsábeis municipais de distintos concellos, organizacións de produción e cooperativas participaron tamén nunha asemblea encamiñada a esixir medidas inmediatas para salvar á crise que está a padecer. A recuperación dos prezos do leite é, segundo manifestaron, unha urxencia para a propia supervivencia do sector. 

Esixen garantías de recollida e poñer fin á gravísima situación actual na que mesmo se deron casos de explotación que se viron na obriga de tirar o leite xa que ningunha industria o recollía. Denunciaron tamén a “desaparición” da Conselleira de Medio Rural neste conflito no que está en xogo a supervivencia do sector. 

Por unha interprofesional láctea galega

O secretario xeral de UU.AA, Roberto García reclamou publicidade para os contratos lixo que a industria establece cos produtores co fin de sancionar aos que están a incumprir a legalidade nos prezos do leite e chegan a pagar ate 0,18 euros por litro. Na mesma liña se posicionou o SLG que elevou ao Valedor do Pobo unha queixa na que denuncia a “indefensión absoluta das 10.000 granxas leiteiras que aínda sobreviven na Galiza diante das prácticas abusivas da industria”. 

“A crise que vive o o sector lácteo galego precisa de medidas urxente co fin de facilitar a continuidade das explotacións leiteiras galegas”, sinalan desde FRUGA que defenderon a convocatoria urxente de mobilizacións para presionar ás administraciónns da gravidade da situación e a creación dunha interprofesional láctea galega que estableza relacións entre a produción, a industria e a distribución.

Xuntanza municipal e apoio ás mobilizacións

Un total de 21 alcaldes xuntáronse tamén na mañá da segunda feira en Boimorto para apoiar as mobilizacións en defensa do sector lácteo e, xa en concreto, a manifestación do día 17 de xullo. Da reunión saíu unha nova convocatoria para a que chamarán a todos os alcaldes e alcaldesas galegas e que terá lugar a vindeira segunda feira ás 11 da mañá no local da FEGAMP. 

Comentarios