A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto inicia accións cunha manifestación central en marzo

A Plataforma Galega polo dereito ao aborto non parará para conseguir que o anteproxecto de lei presentado polo ministro Gallardón non sexa definitivamente aprobado. Inicia distintas mobilizacións que terán o punto forte nunha manifestación central en marzo en Compostela. 

Nin un minuto de calma, anuncian desde a Plataforma Galega polo dereito ao aborto que están a traballar en distintas iniciativas para dinamizar o rexeitamento ao anteproxecto de lei presentado por Gallardón. No mesmo día no que o ministro presentaba o texto en rolda de prensa despois de ser aprobado polo Consello de Ministros, a Plataforma convocaba distintas concentracións en cidades e vilas ás 19 horas para manifestar a súa máis rotunda oposición a un texto que definen como involucionistas e que retrotrae os dereitos das mulleres máis de trinta anos atrás. 

A partir de agora, desenvolverán diversas accións encamiñadas a recabar apoios contra a lei e informar do que supón en canto ao recorte de liberdade para as mulleres. A Plataforma Galega traballa con marzo como horizonte, mes no que agardan convocar unha manifestación central en Compostela. 

Integran a plataforma distintas organizacións feministas, políticas e sindicais entre elas CIG, Anova, BNG, CCOO,  CUT, Esquerda Unida, UGT ou FPG, Asociación Ve-la luz, Dorna, Andaina ou Mulheres Nacionalistas Galegas. 

O BNG presentou en rolda de prensa distintas medidas contra a lei, entre elas,  mocións nos concellos, a protesta de rúa e a solicitude no congreso de comparecencias do Ministro de Xustiza e a de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. 

Comentarios