A Plataforma en Defensa do Ensino Público anima ás familias a rexeitar a “reválida” de primaria

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifesta o rexeitamento das reválidas e probas previstas para 3º de primaria e anima ás familias a non levaren as crianzas aos centros de ensino os días 27 e 28 de maio. Convoca tamén unha concentración o 27 diante da Consellaría de Educación. 

Coas mochilas ao cole

Non levar a nenos e nenas de 3º de primaria os días 27 e 28 de maio, datas nas que están convocadas as probas e participaren na concentración convocada o día 27 ás 11.30 diante da Consellaría de Educación. Ese é o convite que a Plataforma en Defensa do Ensino Público dirixe ás familias do alumnado de cara a rexeitar as probas de avaliación previstas para 3º de primaria. 

A Plataforma  considera que as chamadas probas de avaliación individualizada, convocada para crianzas de 8 e 9 anos, supón un “preámbulo das reválidas” polo que animan ás familias a rexeitar a súa realización non enviando ao alumnado aos centros e entregando un escrito á dirección, como están a facer xa en varios centros públicos galegos. 

Anxo Louzao sinalou que a medida adoptada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público  sitúase no combate á LOMCE, que definiu como “unha lei nociva para o ensino público e galego. É unha lei que impide o dereito á educación de todo o alumnado, que acrecenta a privatización e a mercantilización da educación, desterra a igualdade de oportunidades, elimina a xestión democrática dos centros, reforza a confesionalidade, promove a segregación do alumnado e reincorpora as reválidas do franquismo”. Criticou que a Consellaría de Educación responda de maneira “submisa” aos mandatos de Madrid e aceptar a realización das probas previstas para  3º e 6º de primaria que son antesala das reválidas que se presentan como requisitos para os títulos de ESO e bacharelato. 

"Aberración pedagóxica"

“Non hai ningunha razón que xustifique que un neno de 8 anos teña que pasar a presión dunha proba sobre materia que non coñece e que non vai servir absolutamente para nada, que non achega nada e que non lle serve a ninguén”, afirmou, pola súa parte, Fernando Lacaci, da Federación de ANPA de Compostela.

A Plataforma fixo público tamén un manifesto no que explica as razóns que a levan a rexeitar unhas probas que cualifican de “aberración desde o punto de vista pedagóxico”, por someteren ao alumnado a unha presión innecesaria, que desprezan a avaliación continua do equipo docente e camiñan cara conformar “un ranking de centros” nun sistema educativo “competitivo, clasista e segregador”. 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).

Comentarios