De prosperar a demanda colectiva da Fiscalía polas preferentes a banca tería que devolver 1.200 millóns

Carlos Varela, fiscal superior de Galiza, lembra que en caso de ser desestimada polo xulgado de primeira instancia que leva o caso, podería chegar até o Tribunal Supremo.

Preferentes

Carlos Varela, fiscal superior de Galiza, calculou nuns 1.200 millóns de euros a contía dos depósitos a reintegrar en caso de que prospere a demanda colectiva instada pola Fiscalía para defender aos afectados por preferentes e subordinadas. Unha cifra que Varela deu durante a súa participación nos almorzos On/Off do Colexio de Xornalistas. O fiscal tamén tomou parte, posteriormente, nun encontro con afectad@s en Compostela.

Segundo informan desde o propio CPXG, Carlos Varela subliñou que a intención "é facer ver que hai unha práctica abusiva e que é preciso que se declare a súa cesación, que leva aparellada a nulidade desa práctica, e conseguir a restitución dos depósitos". Varela defendeu que esta acción colectiva é a única vía de defensa que lles queda aos afectados non chamados á arbitraxe, que recoñeceu como a "vía máis rápida" para a solución do conflito.

O fiscal ten manifestado a súa opinión de que o 90% dos e das estafadas neste calote na Galiza foron enganados polas entidades financeiras.

Seguimento dos escraches en Galiza

En relación aos escraches o fiscal superior recoñeceu que recibiu un oficio da Fiscalía Xeral do Estado na que se lle require que informe dos casos que acontezan en Galicia, para "analizar a posible trascendencia xurídico-penal" destas accións.

Comentarios